[13-10-2014] O Concello de Ames, a través da Oficina do Voluntariado, organiza numerosas actividades e eventos que serven para fomentar a participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amiense. Estas actividades son posibles grazas a colaboración desinteresada duns 63 voluntarios/as. As Escolas Integrais de Maiores, que se desenvolven en Bertamiráns e no Milladoiro, xa botaron a andar, mentres que outras actividades como o obradoiro “Achégate ao inglés”, o curso de español para estranxeiros ou o obradoiro de relaxación e técnicas de autoaxuda a través das cores aínda non comezaron. Ao longo desta semana ábrese o prazo para inscribirse nestas e noutras actividades que comezarán a finais de outubro.
Por décimo segundo ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Voluntariado e Maiores, puxo en marcha as Escolas Integrais de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta escola, moitos amienses que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novos, aprenden a ler, a escribir ou a facer pequenas operacións matemáticas. En Bertamiráns, as clases impártese para un grupo os martes e xoves, de 16:30 a 18:00 horas, mentres que no Milladoiro esta actividade desenvólvese para dous grupos os mércores e venres, de 16:30 a 19:00 horas.
Outra das actividades que comezou foi o club de lectura do Milladoiro, que se desenvolve os martes, en horario de 16:30 a 18:00 horas. Tamén comezou o programa Sanauga, que se desenvolverá ata o vindeiro mes de xuño na piscina do Centro deportivo A Telleira. Este programa está cofinanciado pola Deputación da Coruña e coordinado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Esta iniciativa ten como finalidade mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes.
Esta actividade, que se imparte polas mañás, repártese en tres quendas. Os luns e mércores en horario de 9:15 a 10:00 horas (un grupo) e de 10:45 a 11:30 horas (dous grupos); e os martes e xoves de 11:30 a 12:15 horas (un grupo). Cada grupo está composto por 14 persoas. Este ano a principal novidade é que hai un grupo máis respecto á edición pasada. Polo tanto, para este curso ofertáronse 14 prazas máis, completando un total de 56 prazas.
Ademais, dende o 15 de setembro o roupeiro municipal de Ames volve a funcionar a pleno rendemento. A Oficina do Voluntariado (OVA), encargada da xestión do roupeiro, recorda que a demanda de roupa, calzado e enseres da vida cotiá creceu considerablemente debido ás dificultades que está atravesando un importante sector da sociedade amiense. No que vai de ano superáronse as seiscentas solicitudes. O setenta por cento destas peticións foron realizadas por menores de 16 anos. As doazóns de roupa poden facerse en horario de 9:00 a 14:00 horas, de luns a venres, nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.
Actividades pendentes de comezar
O luns, 27 de outubro, comezará unha das actividades que máis interese esperta entre a veciñanza amiense. Trátase do seminario de amigos da viticultura, que será impartido por Emilio de Vicente Nogueira e Teodoro García Rivero, dous dos alumnos máis avantaxados de cursos anteriores. Neste curso abordaranse cuestións referidas ao mantemento dos cultivos e a saúde dos viñedos, así como, se facilitarán coñecementos vinculados coas diversas castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para a produción e a maduración do viño, as distintas formas de guiar os bacelos e, tamén, achegarase información sobre as mellores técnicas de poda que se deben aplicar.
Outra das actividades que comezará a finais de outubro será o cursos de español para estranxeiros. Este obradoiro organízase co obxectivo de dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen vivir ou traballar ao concello dende outros países estranxeiros. Así, poderán aprender o básico da lingua castelá, para que lles sexa máis fácil integrarse na nosa comunidade. As clases impartiranse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Haberá dous grupos, un en cada localidade. As clases comezarán o 27 de outubro en Milladoiro e o 4 de novembro en Bertamiráns.
A principal novidade este ano é o obradoiro denominado “Achégate ao inglés”, que se desenvolverá a partir do día 28 de outubro en Bertamiráns, de 10:00 a 11:30 horas. Outros dos obradoiros que se organizarán será o de relaxación e técnicas de autoaxuda a través das cores. Esta é a segunda edición desta actividade que durante o curso pasado tivo unha gran acollida. Nesta ocasión desenvolverase en Bertamiráns, a partir do 30 de outubro, os xoves de 18:00 a 20:00 horas, e no Milladoiro, a partir do 29 de outubro, os mércores de 18:00 a 20:00 horas.
Por último, este curso volverán a organizarse o programa de apoio escolar e o curso de patronaxe, corte e confección, que comezarán a finais de outubro. Ao longo desta semana abrirá o prazo de inscrición para todas as actividades que aínda están pendentes de comezar. A concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, destaca que “nas actividades do curso pasado participaron arredor de 300 persoas e para este curso prevese igualar, ou incluso, incrementar o número de participantes”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Cultura y ocio para los amienses con los 63 voluntarios de la OVA"




