Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames pon en marcha unha campaña de recollida de material escolar

Martes, 22 de setembro de 2020

A Concellería de Benestar Social, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, acaba de poñer en marcha unha campaña de recollida de material escolar entre o persoal municipal e político do Concello, para tratar de resolver as necesidades dalgunhas familias con menores de Ames. Por mor das consecuencias económicas provocadas pola Covid-19, este curso precísase máis participación e axuda da veciñanza amesá que noutras ocasións. O obxectivo desta campaña é recadar material escolar (mochilas, estoxos, carpetas, lapis, cadernos, etc.) para que ningunha nena/o quedes sen material durante o curso escolar que acaba de comezar.  O material escolar pódese entregar na Casa do Concello e nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

O Concello de Ames pon en marcha unha nova campaña, neste caso para recoller material escolar para facer fronte ás dificultades económicas que están a pasar algunhas familias con nenos e nenas ao seu cargo. A Oficina de Voluntariado, dependente da Concellaría de Benestar Social, recadará cadernos, estoxos, mochilas, lapis, carpetas, cores... para tratar que os nenos e nenas de familias con menor recursos dispoñan de material escolar durante o curso 202-2021. Está campaña está dirixida ao persoal municipal e político do Concello de Ames.

A Covid-19 provocou afectou aos ingresos de moitas familias do concello. É nestes momentos cando as veciñas e veciños debemos colaborar para facer máis fácil á volta ás aulas. Cun pequeno xesto de solidariedade poderase evitar que ningún neno e nena quede sen material para este curso que está a comezar.

Para todo aquel que queira pórse en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames, pódeo facer a través do número de teléfono 662 377 044 ou enviando un correo electrónico ao enderezo voluntariado@concellodeames.gal. O material escolar pódese entregar na Casa do Concello e nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Campañas postas en marcha nos últimos meses
Esta iniciativa súase a outras postas en marcha tamén pola Oficina e Voluntariado de Ames nos últimos meses como foi a campaña realizada en colaboración coa Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), para recoller alimentos para o Banco de Alimentos do Concello. Grazas a dita campaña recolléronse 40 paquetes de cueiros infantís, outro tanto de toalliñas para bebés, e 110 quilos de alimentos e produtos non perecedoiros.

Outras iniciativas solidarias foron as de recollida de enseres para bebés co obxectivo de axudar ás familias de Ames que precisaran material, e maila campaña “Ponlle fin á fenda dixital”, parar conseguir equipos informáticos en desuso para os/as nenos/as de familias vulnerables.

A última campaña do Concello foi “Que ninguén se quede atrás”. Neste caso a Concellería de Transición Ecolóxica e Medio Rural colabora coa Concellaría de Benestar Social, para que todo aquel que teña horta, leira ou árbores de froita, e teña excedentes de produción, se estima oportuno, lle doe o excedente ao Banco Municipal de Alimentos. Estes produtos son incluídos nas cestas de produtos frescos que se reparten entre as familias máis vulnerables. As persoas que queiran facer a súa achega deben poñerse en contacto coa Oficina de Voluntariado de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Recollida de material escolar para as familias amesás sen recursos"

Campaña recollida material escolar.