[31-10-2013] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Voluntariado e Maiores, pon en marcha unha nova iniciativa de cara ao curso 2013-2014. Trátase dun curso de iniciación á costura denominado "obradoiro de costura para principiantes". A través desta actividade preténdese que tanto homes coma mulleres aprendan nocións básicas de costura. Ademais, o día 8 de novembro comezará a segunda edición do obradoiro de iniciación o ganchillo. Este obradoiro está dirixido tanto ás persoas que xa teñen coñecementos sobre ganchillo coma aquelas que non saben nada sobre esta cuestión. Para inscribirse nestas actividades hai que pasar pola Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura do Milladoiro ou de Bertamiráns. Tamén se pode chamar ao número de teléfono 662 377 044.

A programación que preparou a Oficina de Voluntariado de Ames para o curso 2013-2014 conta cunha novidade. Trátase do obradoiro de costura para principiantes, que está dirixido tanto ás mulleres como ós homes. A través desta actividade preténdese que entre os homes e as mulleres non haxa unha división funcional do traballo en función do xénero, se non que ambos se responsabilicen por igual das tarefas domésticas. Partindo destas premisas, con este obradoiro preténdese achegar aos participantes a estes conceptos mediante a iniciación á costura.
Esta actividade está dirixida a todas aquelas persoas que desexen iniciarse na costura e non teñan ningún coñecemento sobre esta cuestión. Deste xeito, preténdese que os participantes aprendan nocións básicas de costura como é coser un botón, facer un remendo ou subir uns pantalóns. En definitiva, que aprendan a facer pequenos arranxos que realizan todas as persoas nas súas casas. Para este curso ofértanse un total de 15 prazas.
Este curso, que será impartido pola profesora voluntaria Herminia Abete Redondo, desenvolverase entre os meses de novembro de 2013 e marzo de 2014. As clases de costura impartiranse os xoves, de 10:00 h a 12:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. As clases comezarán o vindeiro 7 de novembro. Unha vez remate este obradoiro porase en marcha un curso de patronaxe, corte e confección que estará dirixido a todas aquelas persoas que teñan un nivel medio-alto de costura.
Obradoiro de ganchillo
Por outra banda, tralo éxito do curso pasado a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) pon en marcha unha nova edición da actividade denominada “obradoiro de ganchillo para novat@s”. Esta actividade impartirase entre os meses de novembro e xuño. As clases terán lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns todos os venres, en horario de 10:00 h a 12:00 horas.
Unha profesora voluntaria, Natalia Piñeiro, ensinaralle a todos os participantes nocións de ganchillo para elaborar pezas de roupa, bolsos para nenos/as, monecos, manteles, fundas para móbiles, gorros, etc. Neste obradoiro poden participar tanto persoas que xa teñen coñecementos sobre ganchillo coma aquelas que non saben nada sobre esta cuestión.
As persoas que desexen inscribirse nestes cursos ou obter máis información sobre estas actividades deberán pasar pola Oficina Municipal do Voluntariado (OVA), situada nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, ou chamar ao número de teléfono 662 377 044.




