Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames organiza un obradoiro de inglés básico para maiores

Xoves, 14 de marzo de 2013

[14-03-2013] O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, organizou un curso de inglés básico para maiores. Trátase dun obradoiro de iniciación que está dirixido á todas aquelas persoas que non teñen ningunha formación na lingua inglesa. As clases, que serán impartidas por unha profesora voluntaria que está licenciada en filoloxía inglesa, realizaranse os luns e mércores en horario de mañá, entre as 8:30 h e as 10:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Ofértanse un total de 15 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. Para apuntarse hai que chamar ao número de teléfono 662 377 044. Este curso gratuíto dará comezo o día 25 de marzo.

Baixo o lema “Achégate ao inglés” a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) organizou un curso de inglés básico, que está dirixido a todas aquelas persoas que nunca tiveron contacto con esta lingua e que desexan aprender algunhas nocións básicas para poder desenvolverse tanto a nivel oral como escrito. Trátase dunha iniciativa pioneira no Concello de Ames, xa que nunca se realizou un obradoiro deste tipo dirixido a persoas maiores.

Este obradoiro xurdiu despois de que moitas persoas se interesasen por este tipo de cursos. Eran moitos os veciños e veciñas que reclamaban un curso de inglés para as persoas maiores, xa que estas iniciativas sempre se realizan para a xuventude amiense. Deste xeito, o vindeiro 25 de marzo comezará este obradoiro de inglés básico para maiores.

As clases impartiranse na Casa da Cultura do Milladoiro, os luns e mércores en horario de mañá, de 8:30 h e as 10:30 horas. Esta acción formativa estará impartida por unha profesora voluntaria que está licenciada en filoloxía inglesa. Ofértanse un total de 15 prazas que se cubriran por rigorosa orde de inscrición.

As persoas que desexen obter máis información ou realizar a inscrición nesta actividade deben dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) chamando ao teléfono 662 377 044, ou ben preguntar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "A Oficina de Voluntariado de Ames organiza un obradoiro de inglés básico para maiores"