Pestanas principais

A Oficina de Voluntariado de Ames organiza a sexta edición do curso de corte e confección, na que participan unha vintena de persoas

Venres, 07 de decembro de 2012

[07-12-2012] A Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), dependente da Concellería de Voluntariado, organizou unha nova edición do curso de corte, confección e patronaxe dirixido a todas aquelas persoas interesadas en aprender a arte das agullas. O curso, como en anos anteriores, impártese na aula de usos múltiples da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade impartese todos os xoves, en horario de 10:00 h ás 12:00 horas, ata o próximo mes de xuño. As profesoras voluntarias encargadas de impartir o curso son Braulia Hernández Parente e Heminia Abete Redondo.

Un ano máis o Concello de Ames puxo en marcha unha nova edición do curso de corte e confección, despois da boa acollida das edicións anteriores. Esta actividade impártese todos os xoves na aula de usos múltiples da Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de mañá, das 10:00 h ás 12:00 horas. A través desta iniciativa as participantes aprenden a deseñar e crear as súas propias pezas de vestir dunha maneira creativa, sinxela, económica e que atende aos seus gustos persoais. O curso impártese dende o xoves 25 de outubro con sesións semanais de dúas horas, ata o próximo mes de xuño. Ata o momento están apuntadas unha vintena de persoas nesta edición, todas mulleres, aínda que o curso está dirixido a homes e mulleres de calquera idade.

O curso é totalmente gratuíto e conta coa presenza de dúas profesoras voluntarias que teñen xa varios anos de experiencia, Braulia Hernández e Herminia Abete. Braulia, a profesora principal, é unha voluntaria xubilada, que despois de moitos anos exercendo como modista en Venezuela, retornou a Ames e é agora quen comparte e imparte todos os seus coñecementos de forma totalmente voluntaria. Herminia é a profesora de apoio.

Ao longo do curso, as alumnas poderán aprender a comprender os patróns base da costura e os seus escalados para crear elas soas os seus propios modelos ou transformalos. Este é un oficio que sempre esperta gran curiosidade entre todos/as aqueles afeccionados/as á moda. Ao final do curso, como todos os anos, as alumnas terán a oportunidade de exhibir ante o público nunha exposición as creacións que realizaron grazas aos coñecementos adquiridos ao longo dos meses.

Con esta iniciativa, a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA), continua ofrecendo á poboación amiense unha formación moi demandada. Se queres apuntarte nesta actividade, aínda estás a tempo de facelo. O curso é completamente de balde e para participar só hai que chamar á Oficina de Voluntariado de Ames marcando o número de teléfono 662 377 044 ou enviar un correo electrónico a voluntariado@concellodeames.org. Na oficina de voluntariado tamén obterás información sobre outras actividades desta concellaría e, o que é máis importante, explicaranche como podes converterte en voluntario/a.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Informática para Ames a través del aula CeMIT y curso de corte y confección"