[21-08-2014] A Oficina do Voluntariado de Ames desenvolve continuamente numerosas actividades de axuda a colectivos desfavorecidos ou que contan cunhas necesidades específicas. Pero a OVA precisa tamén apoio dos voluntarios/as, persoas que de xeito altruísta e solidario están dispostas a axudar aos demais. Faite voluntari@, a que esperas? é o título da campaña que está a levar a cabo a Concellaría de Voluntariado e Maiores. A través desta iniciativa preténdese incentivar a participación e colaboración dos amienses nalgún dos campos do voluntariado.
Faite voluntari@, a que esperas? Este é o lema elixido pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) para captar novos voluntarios/as de cara ao curso 2014-2015. Aínda que esta campaña de captación de voluntari@s está aberta durante todo o ano, durante estas semanas intensifícase co obxectivo de animar á cidadanía amiense a que participe nas actividades que se desenvolverán ao longo do vindeiro curso.
A concelleira de Asociacionismo, Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, agradece o traballo desinteresado de todos os voluntarios/as e destaca que "Ames é un referente no traballo de voluntariado dentro da comunidade galega". Ademais, María Camen Verde, “anima a toda a veciñanza amiense a continuar desenvolvendo esta labor un ano máis”.
Todas as persoas maiores de 16 anos (xubilados, amas de casa, estudantes, persoas en activo...) con ganas de axudar aos demais, sen agardar unha compensación económica a cambio, poden ser voluntarios e voluntarias. Os campos de axuda son moi amplos e abertos. Tarefas tan comúns nas nosas vidas como facer a compra ou acudir a unha cita médica poden non resultar tan doadas para persoas maiores o con algunha discapacidade. Os voluntarios e voluntarias poden axudar a estas persoas nas súas actividades cotiás, o cal implica unha mellora na súa calidade de vida.
Ademais do acompañamento a persoas maiores e/ou persoas con discapacidade, os voluntarios e voluntarias poden dar clases de apoio escolar a nenos e nenas en desvantaxe social, axudalos nos seus deberes, dar clases a persoas maiores que non saben ler nin escribir nas Escolas integrais de Bertamiráns e do Milladoiro, dar clases de español e galego para estranxeiros, colaborar no roupeiro municipal. Estas son algunhas das liñas de actuación e de acción voluntaria que a Concellaría de Voluntariado e Maiores ten abertas, pero a oficina municipal de voluntariado está aberta a todas as propostas das persoas interesadas en dedicarlle un tempo a colectivos necesitados de axuda.
As persoas interesadas en colaborar coas actividades de axuda da OVA poden dirixirse á Oficina do Voluntariado, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para máis información poden chamar ao 662 377 044, contactar a través do correo electrónico voluntariado@concellodeames.org ou no facebook da oficina de voluntariado.