[20-06-2012] O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta tarde o acto de clausura das actividades que desenvolve a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Este ano a celebración foi especial, xa que este servizo do Concello de Ames cumpre unha década de traballo desinteresado. Na xornada de hoxe, fíxose un especial recoñecemento a catro dos voluntarios amienses que levan dez anos prestando os seus servizos de xeito desinteresado e entregáronse os diplomas aos alumnos asistentes ás actividades.
Ao acto celebrado esta tarde asistiron todas as persoas que cada ano ofrecen os seus servizos de xeito gratuíto e desinteresado. Grazas a estes veciños e veciñas de Ames pódense impartir os cursos de corte, confección e patronaxe; o curso de viticultura; o curso da Escola Integral de Maiores; os cursos de informática, nos que participaron os alumnos/as da Escola Integral de Maiores; e os cursos de castelán para estranxeiros. Tamén hai que destacar o importante traballo que levan a cabo durante todo o ano as persoas que atenden o roupeiro municipal. O festival contou coa presenza do concelleiro de Voluntariado, Manuel Ferreiro; da concelleira de Servizos Sociais, María Dolores Fernández, e da concelleira de Asociacionismo, María González.
Todas estas actividades desenvólvense ao longo de todo o ano en Bertamiráns e no Milladoiro. As persoas voluntarias, que exercen de profesores, foron as verdadeiras protagonistas do acto. Pero ademais dos voluntarios tamén asistiron todos os alumnos e alumnas que ao longo de nove meses asistiron a estas actividades. Todas estas persoas prepararon con gran esmero un festival de fin de curso. Cómpre salientar que durante este ano asistiron a todas estas actividades máis de 200 persoas entre alumnos/as e profesores/as.
Actuacións musicais e teatrais
O acto de clausura das actividades comezou coa benvida e presentación de Rubén Ramos, coordinador da Oficina do Voluntariado Social de Ames. Seguidamente, tomou a palabra o concelleiro de Voluntariado, Manuel Ferreiro, que felicitou aos voluntarios polo seu traballo.
O festival continuou coa lectura inicial dun texto por por parte de Manuel Oitavén Garrido, voluntario decano da OVA, e coa intervención en representación das Escolas Integrais de Maiores, do voluntario Antonio Rodríguez Escalona.
A continuación, o acto seguiu coa representación de obras da Escola de Maiores de Bertamiráns. Así, interpretouse o 'Romance del Conde Sisebuto', a obra ‘Otros tiempos’ e ‘La ruta del colesterol’. No apartado musical, a coral da Escola de Maiores do Milladoiro interpretou unha habanera, mentres que outros alumnos ofreceron unha pandeirada e un recital de poesías de Rosalía de Castro. Por último, a voluntaria Patricia ofreceu unha actuación musical.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Homenajes, música y teatro por los 10 años del voluntariado amiense"




