Pestanas principais

A Oficina de Software Libre de Ames organiza o obradoiro “Aforra na túa factura da luz”

Mércores, 13 de setembro de 2023

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), xunto coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, comeza unha nova tempada na que organizará novas actividades de formación en novas tecnoloxías e outras cuestións de interese. A primeira actividade está prevista para este sábado, 16 de setembro, de 11.00 a 13.00 horas, no Milladoiro. Trátase dunha xornada que ten como obxectivo entender os conceptos que veñen na nosa factura da luz, así como explicar as claves para conseguir aforrar e pagar menos pola luz das nosas casas ou negocios. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.

Este sábado, 16 de setembro, comezan as actividades da Oficina de Voluntariado Informático de Sofware Libre e do Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames, unha iniciativa impulsada po AGASOL, xunto coa colaboración da Concellería de Benestar Social do Concello de Ames. A oficina de Software Libre e banco de reciclaxe electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol).

A primeira actividade consistirá na realización do obradoiro “Aforra na túa factura da luz”. Trátase dunha xornada que ten como obxectivo entender os conceptos que veñen na nosa factura, así como explicar as claves para conseguir aforrar e pagar menos pola luz das nosas casas ou negocios. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón. Esta actividade impartirase no local que está situado no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8.

A concelleira de Benestar Social, Uxía García, indica que “seguimos colaborando unha tempada máis coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) co obxectivo de reducir a fenda dixital para colectivos vulnerables e minorar o lixo electrónico no municipio. Os meses que leva este servizo en funcionamento serviu para que a cidadanía coñeza a existencia da Oficina e do Banco de reciclaxe, que xa recibiu doazóns de equipos que a xente non utiliza e que poden ser acondicionados para un novo uso, favorecendo tamén a economía circular”.

Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como un punto de encontro onde aprender, compartir e construír.

Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu catro actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou dous obradoiros sobre a posta a punto, reciclaxe e instalación de computadores, outro sobre a seguridade dixital básica e un taller de iniciación á reparación e reciclaxe de altofalantes.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "A oficina de software libre de Ames axuda a aforrar no recibo da luz"

Cartaz do obradoiro de AGASOL

Multimedia

  • Cartaz do obradoiro de AGASOL