[13-07-2016] Hoxe pola noite, ás 22:30 horas, o Concello de Ames organiza a través da Aula da Natureza, unha actividade de observación astronómica. Terá lugar na Travesía do Porto, no Milladoiro, e impartirana astrónomos do observatorio astronómico Ramón María Aller da USC. Esta actividade encádrase dentro do programa “Todocosmos”, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia.
O programa TODOCOSMOS “Astronomía ao alcance de todos” do observatorio, co que asinou un convenio o Concello de Ames, continúa a súa andaina didáctica no municipio amesán. Despois da actividade organizada no Monte de San Marcos, na que participaron en torno a 130 persoas, desprázase ao Milladoiro nunha observación astronómica aberta a todo o público. Aínda que é gratuíta, a diferenza da actividade anterior, nesta non será preciso reservar praza. O ceo nocturno, segundo as previsións atmosféricas, permanecerá completamente despexado, polo que se pode adiantar unha gran noite de verán para apuntar ao ceo co telescopio.
Como en anos anteriores -esta actividade xa se organizou no Milladoiro en 2014 e 2015 con gran éxito de público- o telescopio situarase na Travesía do Porto, ao carón do pavillón polideportivo municipal e da Casa da Cultura do Milladoiro, xa que neste lugar atópase o punto de máis altura do Milladoiro, para ter unha mellor visión. As persoas que se acheguen poderán observar a lúa en cuarto crecente, os planetas Xúpiter, Marte e Saturno ou estrelas dobres.
O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.
Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "La Astronomía al alcance de todos: colaboración Universidad-Ayuntamientos-Organismos Públicos y Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta con financiamento da FECYT para o ano 2016, e no que participan así mesmo os concellos de Allariz, Ames, Boqueixón, Lalín, Noia, Ordes, Oroso, Padrón, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, Teo, Vedra e Vila de Cruces, así como a empresa Óptica Val.




