Pestanas principais

As obras da ponte da Condomiña completaranse con sendas peonís para garantir a seguridade dos viandantes

Mércores, 18 de xaneiro de 2012

[18-01-2012] A Ponte da Condomiña situada na localidade de Bertamiráns contará cunha prolongación de sendas peonís a modo de beirarrúas que garantirán a seguridade dos peóns. No pleno da Deputación do 25 de novembro de 2011 aprobouse o proxecto reformado de mellora da seguridade viaria da estrada DP 2205 de Bertamirás a Ramallosa. Este proxecto contempla a ampliación das beirarrúas da Ponte da Condomiña por un importe de 18.868,96 euros. En total o custe da obra da ponte máis a mellora dos accesos mediante a creación de sendas de mistura bituminosa ascende a uns 164.000 euros.

O Plan de travesías provinciais 2008-2011 da Deputación Provincial da Coruña incluíu as obras de mellora da Ponte da Condomiña para dotala dun paso peonil. Este Plan de Travesías naceu coa finalidade de mellorar as infraestruturas da provincia e contribuír a unha mellora da seguridade viaria.

As obras que corresponden estritamente á ponte están rematadas

A ampliación da ponte levouse a cabo mediante unha dobre estrutura composta por un conxunto de perfís metálicos perpendiculares ao taboleiro, traballando en voladizo, e outros dispostos perpendicularmente aos primeiros, sobre os que se asenta o pavimento formado por madeira. Pola cara exterior rematouse coa colocación dun tipo de varanda como a que xa existe neste lugar. Pola cara interior executouse un pequeno muro que dunha altura aproximada de 50 centímetros, que ademais de ter unha función estrutural, protexe aos viandantes do tráfico rodado. O tránsito normal de vehículos xa se puxo en servicio no pasado mes de decembro.

A Deputación Provincial da Coruña foi a encargada de redactar o proxecto técnico. Antes da redacción do proxecto varios técnicos da Deputación achegáronse ata Ames para comprobar o estado no que se atopaba esta estrada ao seu paso pola ponte da Condomiña. Así puideron ver de primeira man a necesidade de construír un paso máis amplo para os peóns.

A execución desta obra suporá a mellora do tráfico rodado na intersección de catro estradas, e contribuirá a incrementar os niveis de seguridade viaria. A aprobación do proxecto reformado de mellora da seguridade viaria na estrada DP 2205 supón unha gran mellora na seguridade dos peóns que saen de Bertamiráns e tamén para os que chegan a Bertamiráns vindo dende a zona da Tarroeira ou mesmo transitando pola Senda Verde.

Valoración do alcalde

O alcalde de Ames, Santiago Amor, que visitou as obras acompañado do tamén deputado provincial Perfecto Vázquez Lema, valora moi positivamente a reforma do proxecto e o feito de que se contemple unha continuidade na beirarrúa despois da ponte "pois doutro xeito os viandantes terían que camiñar directamente pola estrada, co perigo que iso implica". Santiago Amor expresou o seu agradecemento á Deputación Provincial da Coruña pola sensibilidade que tivo á hora de dotar dunha beirarrúa un tramo que sen ela, sería perigoso para os viandantes.

Esta medida de peatonalizar ese tramo pretende potenciar a seguridade tanto en dirección aos núcleos coma en dirección á zona aos terreos da Red Natura que están preto.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames tendrá una senda peatonal en A Condomiña"