Pestanas principais

Obradoiros, música e literatura para conmemorar o Día do Libro

Martes, 03 de maio de 2011

[03-05-2011] A praza do Concello, en Bertamiráns, acolleu este pasado sábado a conmemoración do Día do Libro. O evento abriuse coa presentación do libro A narrativa galega na fin de século, da escritora Dolores Vilavedra. Ademais houbo un posto dedicado á creación de camisetas literarias con Tinta de Lura e obradoiros para elaborar un libro de grandes dimensións e marcapáxinas. A partir das 18:00 horas tivo lugar a lectura dos traballos gañadores no VII Certame Literario Concello de Ames, así como a presentación do libro que os reúne. Estas lecturas mesturaranse con pezas de música interpretadas polo dúo amiense Pel de Noz. Francisco Villaverde, concelleiro de Cultura, Olaia Alvite, concelleira do grupo municipal nacionalista, Alfonso Rey, concelleiro do grupo municipal popular, e Xosé Montes da Fundación Feiraco, tamén participaron na lectura dos traballos gañadores VII Certame Literario Concello de Ames.

Foron moitos os e as amienses que se achegaron ata a praza do Concello este sábado pola a tarde para asistir á presentación do libro de Dolores Vilavedra e para poder participar na feira de exposición e venda de libros. A celebración comezou ás 17:00 horas coa feira literaria onde se podían mercar todo tipo de libros, tanto de literatura infantil como novela e poesía. Dende a Concellería de Cultura estiman que ao longo de toda a tarde pasaron polas carpas que se instalaron na praza do Concello arredor de 500 persoas.

O obxectivo desta feira foi sacar os libros dos espazos pechados e levalos á rúa para que todas aquelas persoas que non soen acudir habitualmente ás bibliotecas ou centros de lectura se animasen a descubrir os diferentes mundos que se esconden detrás de cada exemplar. Ademais, a venda contou cun 10% de desconto sobre o prezo habitual nas librarías.

Simultaneamente, desenvolvéronse dous obradoiros para elaborar o gran libro do día do libro e para facer marcapáxinas. Os rapaces e rapazas puideron aprender distintas técnicas para confeccionar os seus propios marcapáxinas. Ademais entre todos os rapaces e rapazas fixeron un libro de grandes dimensións. Así mesmo houbo un posto dedicado á creación de camisetas literarias con Tinta de Lura. Cada persoa que participou neste obradoiro puido decorar a súa propia camiseta. Esta actividade centrou boa parta da atención dos máis pequenos durante toda a tarde.


Presentación literaria
O primeiro acto da tarde tivo lugar ás 17:00 horas coa presentación e sinatura do libro, A narrativa galega na fin de século, por parte da propia autora, Dolores Vilavedra. Nesta presentación tamén participaron Calos Lema, director de edicións da Editorial Galaxia, a escritora Inma López Silva e o concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde.

O acto abriuno o concelleiro de Cultura dando as grazas tanto a Dolores Vilavedra como a Imma López Silva e Carlos Lema por acudir a este evento organizado polo Concello de Ames. Todos destacaron a importancia do libro de Dolores Vilavedra como unha ferramenta fundamental para entender a literatura de fin de século e primeiros anos do novo milenio. Ao mesmo tempo agradecéronlle ao Concello de Ames non só polo acto do sábado senón por apoiar a literatura de base co Certame Literario que leva organizando dende o ano 2004.

Dolores Vilavedra destacou que "o libro abrangue dende 1985 ata o ano 2000 teoricamente, aínda que hai unha serie de tendencias que se albiscaban a finais do pasado século que tamén están incluídas neste traballo. Agora, o tempo decidirá se se confirman ou non. Algún destes temas é a literatura feminina que irrompe de xeito innovador a finais do pasado século".

A escritora explicou que "o libro está centrado na narrativa e non se comenta nada sobre a poesía que é outro xénero que ten as súas técnicas propias. Eu diría que está é a etapa na que a narrativa entra na madurez definitiva. O primeiro que eu fago é demostrar que a década dos oitenta non é a década da gran expansión cuantitativa da narrativa senón que é a dos noventa cando o número de títulos se dispara absolutamente".




Acto literario musical e obradoiros
A conmemoración do Día do Libro pechouse cun acto literario - musical. Ás 18:00 horas a música e a literatura mesturáronse na presentación do libro recompilatorio das obras gañadoras do VII Certame literario Concello de Ames. A concellaría de Educación tamén participou neste evento a través da Biblioteca coa realización de obradoiros e de diversos contacontos que tamén se realizaron a partir das 17:00 horas.

Os gañadores da modalidade de poesía puideron ler o seu poema ao completo, mentres que na modalidade de narrativa escolléronse os mellores fragmentos para ler ante o público. A lectura de fragmentos dos textos premiados por parte dos seus autores e autoras intercaláronse coa actuación musical do dúo amiense Pel de Noz.

A maioría dos autores premidos na pasada edición deste certame asistiron a este acto lierario-musical para ler o seu traballo. Francisco Villaverde, concelleiro de Cultura, Olaia Alvite, concelleira do grupo municipal nacionalista, Alfonso Rey, concelleiro do grupo municipal popular, e Xosé Montes da Fundación Feiraco, tamén participaron na lectura dos traballos gañadores VII Certame Literario Concello de Ames. Así rematou unha xornada que tivo as letras como protagonistas.