[07-03-2018] A Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este venres, 9 de marzo, a representación da obra de teatro infantil ‘Pum, Pum!’. A peza, que terá como protagonista á nena Marieta e ao seu segredo, contará con dúas sesións: unha escolar ás 12:30h, á que asistirá o alumando de 6º de Infantil da EEI do Milladoiro, e outra xeral, ás 18:00 horas. A obra, que é unha produción da compañía Baobab Teatro S.L, está dirixida a un público maior de 5 anos. As entradas xa se atopan dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Así mesmo, tamén se poden mercar anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.
A protagonista de Pum, Pum! é Marieta, unha nena de cinco anos que está rodeada de portas, que se abren e contan historias que teñen música e que mesmo cantan cando ela quere. Porén, unha desas portas garda un segredo. Con Pum, Pum!, Baobab Teatro S.L presenta unha peza teatral acolledora, chea de tenrura, humor, moito simbolismo de conto e moita maxia, que conta, asemade, con diferentes técnicas como son os monicreques, o teatro de actor, as máscaras e as sombras. Ademais, o espectáculo ten música orixinal que é interpretada en directo.
Pum, Pum! é así un espectáculo que fala de historias cotiás que lles suceden ás nenas e nenos, mais que ao mesmo tempo tenta transmitir unha mensaxe moi clara: as crianzas deben saber desde que son moi pequenas que ninguén as pode obrigar a facer cousas que non queren. Deste xeito, o guión ofrece unha mensaxe de toma de conciencia para as nais e pais, para que inculquen as súas fillas e fillos a importancia dos límites e do consentimento. De igual maneira, a obra tamén pretende ser un pequeno pulo para que as crianzas que poidan ter sufrido este tipo de abusos, sexan capaces de expresalo e denunciar.
A peza será representada este venres, 9 de marzo, na Casa da Cultura do Milladoiro en dúas sesións: unha escolar ás 12:30h, á que asistirá o alumando de 6º de Infantil da EEI do Milladoiro, e outra xeral, ás 18:00 horas. As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir anticipadamente nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender, de xeito presencial, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Cada entrada ten un prezo de 4 euros, cun desconto do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné. A obra, que ten unha duración de 50 minutos, está dirixida a un público maior de 5 anos.
Contido relacionado
Compostela 24 Horas: "La obra Pum, Pum! de Baobab Teatro S.L llega este viernes a la Casa de la Cultura de Milladoiro"
Lindeiros: "Pum, Pum! de Baobab Teatro este venres na Casa da Cultura do Milladoiro"
Ames Go: "Teatro infantil no Milladoiro o venres, 9"