Pestanas principais

A obra “Mocos” quédase en Bertamiráns durante os días 26 e 27 de marzo

Mércores, 24 de marzo de 2021

A programación cultural do primeiro trimestre continúa esta fin de semana, o venres 26 e o sábado 27 de marzo representarase a obra de teatro para adultos “Mocos”. Ambas sesións realizaranse ás 20.30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Xa se poden adquirir a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. A entrada xeral ten un prezo de 5 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2,5 euros.

“Mocos” é unha obra da compañía Contraproduccións que está escrita e dirixida por Cándido Pazó. Trátase dun espectáculo unipersoal inspirado nunha imaxe da pandemia: uns nenos no recreo, illados en cadanseu cadrado no patio dunha escola. Que memoria gardarán diso cando crezan? É como un moco que se espalla, nace un fío de divertidas historias escolares vividas e lembradas polos adultos de hoxe e que, desde o humor e a emoción, xogan cos medos e esperanzas que herdamos e deixamos en herdanza. Este espectáculo ten unha duración de 70 minutos.

Esta obra está dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Venda de entradas
Xa se poden adquirir a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. A entrada xeral ten un prezo de 5 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2, euros. As entradas para asistir a ditos espectáculos tamén se poden adquirir nas Casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

Mocos.

Multimedia

  • Mocos.