- Tematica
A obra de teatro As Gardiás dará o sinal de partida á programación do Ames Cultural para este primeiro semestre do ano 2026. A Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá este espectáculo de 90 minutos sobre o dereito a decidir como xestionar a propia vellez o próximo venres 23 de xaneiro ás 20.30 horas. Esta representación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames.
A compañía Teatro de Ningures trae a Ames a obra As Gardiás. Unha función duns 90 minutos de duración aproximados que trata sobre o dereito a poder decidir sobre a nosa propia vellez a través de Rosa e as súas compañeiras Ana, Marga e Susana, un grupo de mulleres maiores que viven nun vello edificio dun barrio popular, situado nunha vila obreira.
A trama xira arredor da decisión de Vitoria, a filla de Rosa, de trasladar á súa nai a unha institución médica e vender o apartamento no que viven as catro amigas, dando pé a unha loita que leva implícito o debate sobre a liberdade e o ben envellecer das persoas maiores e que levará as catro mulleres artellan unha serie de estratexias para convencer a Vitoria.
A obra, creada por Nasser Djemaï, dirixida por Cristina Dominguez e interpretada por Casilda Alfaro, Melania Cruz, Pepa Barreiro, Rebeca Montero e Sonia Rúa, explora o desexo de vivir e a solidariedade comunitaria, e nos interpela a todas as persoas sobre como, onde e con quen queremos envellecer.
Venda de entradas
As entradas poden adquirirse na Billeteira electrónica do Concello de Ames, e teñen un prezo de 5 euros (a xeral) ou 2,5 euros (a prezo reducido). Poderán beneficiarse deste desconto do 50% os estudantes con carné de estudante, as persoas maiores de 60 anos e os menores de 12, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego.
Tamén se poderá mercar a entrada na propia Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir dunha hora antes de que dea comezo o espectáculo, en caso de que non completase aínda o aforo. A venda pechará con estrita puntualidade cinco minutos antes da hora prevista de comezo do espectáculo.
Máis teatro en xaneiro
As Gardiás será a primeira (pero non a última) obra de teatro do Ames Cultural no mes de xaneiro. O próximo día 30, a Casa da Cultura do Milladoiro acolle As formas do amor, unha peza de Verdeveras Expresións Artísticas que reflexiona sobre o amor, as parellas e o tempo. Podes consultar todo o programa do Ames Cultural na seguinte ligazón.
Novas relacionadas
Lindeiros: "As Gardiás inaugura a programación do Ames Cultural"






