Pestanas principais

A obra de teatro “As Virxes Salvaxes” estréase mañá na Casa da Cultura de Bertamiráns

Xoves, 13 de febreiro de 2020

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 14 de febreiro, ás 21.00 horas, a estrea do espectáculo “As Virxes Salvaxes”, da compañía Teatro do Noroeste. Cunha duración de 90 minutos, esta peza teatral está destinada a un público adulto. As entradas xa se encontran esgotadas na billeteira electrónica, pero resérvase o 10% do total á venda na billeteira presencial unha hora antes da función.

“As Virxes Salvaxes” é unha homenaxe, se cadra algo irrelevante, aos nosos maiores máis revoltosos. Unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden. Non sempre foi así. Nas culturas rurais, os maiores tiveron sempre unha función, unha ocupación que daba sentido as súas vidas ata o final. Mais chegaron as presas e os apuros da cultura urbana e nela, os maiores non teñen cabida, son un estorbo, e preciso desfacerse deles amoreándoos en institucións concibidas para iso. Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución.

Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, “As Virxes Salvaxes” contan coa interpretación de Ana Santos, Elina Luaces, Luma Gómez, Manuela Varela, Rosa Álvarez, Fernando González, Miguel Pernas e Inma Antonio. O elenco, leva varios meses ensaiando no local social de Agrón, cedido polo Concello de Ames para esta fin.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou “o privilexio que é para Ames acoller a estrea do último espectáculo da compañía Teatro de Noroeste. Esta compañía pediu a colaboración do Concello para cederlle un espazo de ensaio e estiveron ensaiando no local social de Agrón. Na medida do posible, seguiremos colaborando con esta e outras compañías”. Ademais aproveitou para recordar que “a Concellería se encontra a plena disposición das compañías que necesiten das instalacións o outros servizos do concello para levar a cabo os seus espectáculos”.

Con este, é o terceiro éxito consecutivo da programación teatral para o primeiro semestre de 2020, esgotándose as entradas na billeteira electrónica do concello nas tres funcións que se levaron a cabo nestas semanas: Curva España, O Electo e As Virxes Salvaxes.

Neste senso, a concelleira de Cultura recalca que “seguiremos tendo teatro durante todas as fins de semana agás o venres de Entroido e venres de Semana Santa”. Cómpre recordar que a representación destes espectáculos alternase entre os auditorios de Bertamiráns e Milladoiro. Podes consultar a programación cultural do primeiro semestre de 2020 premendo neste enlace.

As Virxes Salvaxes

Multimedia

  • As Virxes Salvaxes