Pestanas principais

A obra de teatro “Vida de Cans” chega á Casa da Cultura de Bertamiráns este venres 18 de decembro

Martes, 15 de decembro de 2020

A programación cultural de Nadal continúa este venres, 18 de decembro, co espectáculo “Vida de Cans” da compañía Talía Teatro. Trátase dunha traxicomedia, que está destinada a un público adulto, escrita e dirixida por Cándido Pazó. Aínda hai entradas dispoñibles que se poden adquirir a través da billeteira electrónica do Concello de Ames. O evento terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20.30 horas.

“Vida de Cans” é unha obra da compañía Talía Teatro que está escrita e dirixida por Cándido Pazó. Trátase dunha comedia absurda, paródica e metafórica, que fai unha alegoría á liberdade. Este espectáculo ten unha duración de 75 minutos.

“Búscase unha reflexión sobre o concepto de liberdade, sobre onde están os límites. Queremos falar de cuestións humanas, pero a través das personaxes caninas”, asegura Cándido Pazó.

Artur Trillo, Dani Trillo e Toño Casais dan vida a Nolo, Lupo e Nemo. Os protagonistas son tres cans que están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo... pero recinto. Fóra del está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos... pero liberdade. Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade derivando cara unha traxicomedia.

Por mor da Covid-19 o aforo será limitado para poder manter a distancia de seguridade entre os espectadores. Ademais, adoptáranse as medidas hixiénico – sanitarias marcadas polas autoridades sanitarias.

As entradas, dun custo de 5 euros para os adultos, pódense adquirir a través da billeteira electrónica do Concello de Ames.Existen descontos para persoas maiores de 60 anos; rapaces e rapazas menores de 12 anos; familias numerosas; mozos/as con carné xove; e persoas demandantes de emprego. Para este grupo de persoas, o prezo da entrada é de 2,5 euros. 

 Ao comprarse a entrada, asignarase unha butaca, ben individual ou por agrupamento familiar de forma automática na billeteira electrónica. Se quedaran entradas poderán mercarse na Casa da Cultura de Bertamiráns desde unha hora antes do comezo da función (a partir das 19.30 horas).

Esta obra está dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego: "Teatro en Ames coa obra ‘Vida de Cans’ o venres"

Cartel de Vida de cans

Multimedia

  • Cartel de Vida de cans