- Tematica
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres, 3 de marzo, a representación da obra de teatro “Ninja”, un espectáculo dirixido ao público infantil de man da compañía Ghazafelhos Teatro. Será ás 18:00 horas, e ten unha duración aproximada de cincuenta minutos. Esta representación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. As entradas xa se poden adquirir a través da Billeteira electrónica do Concello. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación cultural de Ames ao completo para o primeiro semestre de 2023.
A obra relata a historia de Tori, unha nena fan dos ninjas que se quere converter nunha máis deles para pasar inadvertida. Un día, descobre que no seu colexio hai outras crianzas que tamén buscan pasar desapercibidas, pero non polo seu afán de ser ninjas, senón para que outros rapaces e rapazas non abusen deles. Coa axuda do señor Edelmiro, un señor maior ao que Tori acode na procura dun consello, conseguirá que os seus compañeiros e compañeiras se fagan visibles e que cambien as tornas na escola.
“Ninja” é unha obra lúdica e pedagóxica, que nace coa intención de abordar o acoso escolar. A través dunha historia divertida e chea de reflexións sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade, faise fincapé nunha ferramenta fundamental para erradicar calquera problema: visibilizalo.
As dúas representacións da obra que se farán en teatros amesáns terán lugar este venres, día 3 de marzo. Pola mañá, ás 12:00 horas, celebrarase unha sesión escolar. Xa ás 18:00 horas, será a quenda do público xeral, que poderá vela no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Rógase aos espectadores puntualidade.
As entradas para a segunda representación xa poden adquirirse, por 4 euros, a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames, ou ben presencialmente na propia Casa da Cultura, antes do comezo do espectáculo. Os estudantes con carné que certifique a súa condición, as persoas maiores de 60 anos, os menores de 12 anos, as familias numerosas, os mozos e mozas con carné xove e as persoas demandantes de emprego poden beneficiarse dun desconto do 50% do custo ordinario da entrada.
Ghazafelhos Teatro
Ghazafelhos Teatro é unha compañía nacida en Narón no ano 2006, especializada en teatro de actor e en clown. Trátase dun dos grupos teatrais galegos de referencia para o público familiar, e está integrado por Montse Piñón, Pepablo Patinho e Jorge Casas. As súas producións mesturan xéneros e empregan temas variados, levando aos espectadores a lugares cheos de maxia. Entre o seu repertorio destacan outras obras como Frankenstein, Nana para un soldado, Bon appetit ou Irinha Bailariña.