[23-01-2018] A programación teatral do Concello de Ames continúa este venres, 26 de xaneiro, coa representación da primeira obra de teatro infantil programada para este semestre: “Animais de Compañía”. Dirixida a un público maior de seis anos, a peza aborda a historia de Maxa, unha gata que se sinte un ser humano coma outro calquera. A obra, unha produción de Teatro do Noroeste, será representada na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. As entradas xa se atopan dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden mercar, anticipadamente, nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse, como é habitual, para vender de xeito presencial desde unha hora antes do comezo do espectáculo.
“Animais de Compañía” é unha comedia musical con dúas personaxes: unha cadela e unha gata, que conviven na mesma casa e que malia teren as súas diferenzas aprenden a respectarse. Desta maneira, ao igual que nas fábulas clásicas, os dous animais adoptan características humanas para construír un proceso de aprendizaxe e toma de valores éticos, a través do cal se establece un paralelismo entre o que acontece entre elas e o que sucede na sociedade actual.
A obra, que foi escrita por Eduardo Alonso, conta coas intérpretes Manuela Varela e Inma António. A peza será representada o vindeiro venres, 26 de xaneiro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A peza está destinada a un público infantil maior de seis anos.
As entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica. Así mesmo, tamén se poden adquirir, anticipadamente, nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00h a 13:00 horas. O 10% das entradas resérvanse para vender, de xeito presencial, desde unha hora antes do comezo do espectáculo. Cada entrada ten un prezo de cinco euros, cun desconto do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.
Contido relacionado

Lindeiros: "Animais de Compañía inaugura este venres a programación de teatro infantil de Ames"




