Pestanas principais

O xurado elixe por unanimidade a PixelinPhoto e Autonomogal Asesores como empresas gañadoras do premio Lingua e Empresa 2021

Sábado, 04 de decembro de 2021

O xurado do IV premio Lingua e Empresa decidiu por unanimidade outorgar o premio a PixelinPhoto, polo seu labor decidido e comprometido a prol da normalización lingüística no eido do comercio, e a Autonomogal Asesores, por incorporar a lingua á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego tanto na comunicación comercial coma no desenvolvemento dos servizos que ofrece. En total presentáronse 8 empresas; 5 empresas na categoría A de uso consolidado da lingua, e 3 empresas na categoría B, de nova incorporación ou creación. O premio Lingua e Empresa ten unha dotación económica de 3000 euros.

Trátase da cuarta edición deste premio posto en marcha polas Concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica. A través desta iniciativa preténdese recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego dende o ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames. Nesta edición o premio establecía dúas categorías, dotadas cada unha delas con 1500 euros máis unha campaña de difusión na radio de Ames.

Na categoría A, de uso consolidado da lingua, na que participaron empresas que realizan un uso estable e continuado da lingua galega dende hai máis de dous anos, a empresa gañadora foi PixelinPhoto de Bertamiráns, polo seu labor decidido e comprometido a prol da normalización lingüística no eido do comercio. O xurado destacou a aposta desta empresa por situar a lingua galega como elemento de marca, na cerna do produto e da súa relación coa clientela. Nesta categoría participaron un total de 5 empresas.

Na categoría B, nova incorporación ou creación, participaron empresas que se crearon nos últimos dous anos ou que se incorporaron ao galego dentro dese mesmo período, a empresa premiada foi Autonomogal Asesores do Milladoiro, por incorporar a lingua á súa actividade de maneira regular, coherente e implicada, apostando claramente polo galego tanto na comunicación comercial coma no desenvolvemento dos servizos que ofrece. A esta categoría do premio presentáronse tres entidades.

O xurado, reunido o pasado 1 de decembro para decidir os galardoados, estivo formado por Xosé María Fernández Pazos, director de Código Cero, unha das empresas gañadoras na edición pasada deste premio, Miguel López Crespo, secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Susana Mayo Redondo, filóloga e unha das responsables do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. En representación do Concello de Ames participaron na xuntanza do xurado o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago Castro, que actuou como secretario do xurado, e a técnica de Normalización Lingüística, Rosa Moreiras Cuñarro.

O uso do galego no tecido socioeconómico sempre suma
Os membros do xurado expresaron o seu recoñecemento a todas as empresas participantes, dado que, sexa a que for a súa dimensión e traxectoria, todas elas realizan un valioso labor en favor do uso normal da nosa lingua no ámbito socioeconómico, asociándoa á calidade dos seus produtos e servizos e creando espazos de relación en galego para os consumidores e consumidoras, ao cabo par a veciñanza amesá.

Ademais, todas elas son unha mostra de que o uso do galego no tecido socioeconómico é un valor positivo que lle achega un plus á oferta empresarial dado que facilita a conexión das empresas coa clientela achegando distinción e confianza. Por este motivo todas as empresas que utilizan o galego na súa comunicación poden considerarse referentes e motores para que o ámbito socioeconómico de Ames se vaia sumando ao proceso de normalización lingüística e aproveite así as vantaxes que lles outorga ás empresas o uso da lingua galega.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Pixelinphoto y Autonomogal Asesores ganaron el Premio Lingua e Empresa"

Cartaz do premio Lingua e Empresa 2021

Multimedia

  • Cartaz do premio Lingua e Empresa 2021