[23-11-2017] O Festival Internacional de Cinema Infantil, Cinema Crianza, terá lugar no Concello de Ames do 15 ao 17 de decembro. As 56 pezas seleccionadas, entre as preto de 2.500 propostas presentadas, mostrarán viaxes sorprendentes que espertarán nas cativas e cativos a vontade de explorar a realidade. Araceli Gonda, Nico Campos e Amalia Mato, tres recoñecidas e premiadas personalidades do audiovisual galego, conformarán o xurado deste festival, que se desenvolverá nas Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns.



O xurado do Festival Internacional de cinema infantil, Cinema Crianza, será o encargado de decidir o filme gañador para cada unha das categorías competitivas: Axóuxeres e Buxainas. A primeira das categorías incluirá aquelas pezas destinadas a un público menor de tres anos, que estarán baseadas na transmisión sensorial mediante a cor e a música. A denominada Buxainas é a categoría competitiva na que se aglutinarán as curtametraxes orientadas a nenas e nenos entre os 3 e os 7 anos. Estas pezas disporán dun narrador en directo, que traducirá as pezas que non estean en lingua galega ou castelá.
Araceli Gonda, Nico Campos e Amalia Mato serán as persoas que integrarán o xurado do Cinema Crianza. Araceli Gonda é guionista e ten participado en moitas das series máis coñecidas de Galicia como Padre Casares, Cuarto sen ascensor, A vida por diante ou Serramoura. A súa participación en 18 comidas valeulle unha nominación aos Mestre Mateo.
Amalia Mato é produtora e a responsable do desenvolvemento de series e programas tan exitosos como Mareas Vivas, Terra de Miranda ou Nada é para Sempre. Ligada profesionalmente á Voz Audiovisual, tamén exerce como profesora e asesora. Pola súa banda, Nico Campos é guionista e realizador. Coñecido polo seu traballo en programas infantís tan destacados como o Xabarín Club, así como pola súa participación en documentais, spots, videoclips e programas radiofónicos, Campos é actualmente o presidente da Asociación Galega de Guionistas.
O 1 de decembro, faranse públicas, a través das redes sociais do certame, as pezas seleccionadas para a súa exhibición durante o Cinema Crianza. Nesta data, tamén se publicará o programa definitivo. Fóra da sección oficial, tamén se proxectarán curtas e longametraxes que, neste caso, estarán destinadas a un terceiro tramo de idade: rapazas e rapaces entre os 7 e os 12 anos. Estas pezas contarán con subtítulos cando estean en linguas estranxeiras. Promovido por Urdime Propostas Culturais, o certame conta co apoio e financiamento do Concello de Ames e da Deputación da Coruña. O Festival Internacional Cinema Crianza desenvolverase entre o 15 e o 17 de decembro, nas Casa da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns.




