Pestanas principais

O XI Millarock trae a The Rapants, Battosai, Biribirlocke e Chicharrón

Luns, 04 de xullo de 2022

O rock galego volve ao Milladoiro o venres 5 de agosto coa décimo primeira edición do Millarock. Nesta ocasión, subiranse ao escenario os grupos Chicharrón, Biribirlocke, The Rapants e Battosai. Organizado pola concellaría de Cultura do Concello de Ames, este evento musical xurdiu co obxectivo de promocionar o rock galego e impulsar a grupos emerxentes da contorna de Ames. A décimo primeira edición volve con aforo ilimitado e entrada libre e de balde.

Esta mañá, a Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a presentación da décimo primeira edición do festival Millarock, que terá lugar o venres 5 de agosto na mesma localidade, na Travesía do Porto. A rolda de prensa contou coa presencia da concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González; da técnica de Cultura do Concello de Ames, María Vázquez; de Francisco Gómez Seijo, de COPRA Contrataciones y Producciones Artísticas; de Ángela Vila, representante de Chicharrón e de Samuel González unha das voces de The Rapants.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, aproveitou a ocasión para louvar o espírito do Millarock “Levamos seis anos apostando de forma continuada por este festival e eu creo que é totalmente necesario porque trae ao noso concello: rock en galego, grupos locais e grupos en feminino. Once anos despois o Millarock segue fiel ao seu estilo”. E engadiu “o Millarock será o pistoletazo de saída das festas da Madalena, o venres 5 de agosto. Unha cita para a que contamos con ese público fiel que nos visita ano tras ano porque ten a data axendada e á que sumamos  público novo cos grupos que forman o cartel. Así que están todos convidados a esta cita que non poden perder”.

A continuación foi a quenda da técnica de Cultura, María Vázquez, que destacou que o Millarock é un festival consolidado “Trátase dunha cita consolidada en Ames, hai que recordar que fixemos o Millarock en plena pandemia. Cando era impensable sentar aos amantes do rock nos fixémolo e enchemos 400 cadeiras”. E proseguiu “este ano non hai que retirar entradas nin hai ningún tipo de aforo. A entrada é libre e de balde, así que, temos que convidar a todo o mundo a que veña a desfrutar do Millarock”.

Francisco Gómez Seijo (Gandy), de COPRA Contrataciones y Producciones Artísticas  deu as claves do éxito do Millarock “Ames é un concello roqueiro de base pero, ademais, coida ao país con ese rock en galego, dálle pulo aos grupos emerxentes e destaca polo feminino. Aquí pásase ben, o Millarock é unha cita roqueira que non se pode perder”.

Nesta presentación tamén estiveron presentes representantes de dous dos grupos que conforman o cartel desta décimo primeira edición do Millarock. Ángela Vila, representante de Chicharrón, destacou que é un cartel moi completo onde cada banda aporta algo diferente “Chicharrón é grupo da escena independente que xa leva moitos anos achegando esa vertente máis electrónica. No Millarock imos presentar temas dos discos que presentamos neste 2022. Trátase dun formato máis enchufado e con banda para que todos coñezan o noso estilo próximo ao pop e ao rock pero cunha vertente de música electrónica”.

E por último, Samuel González, unha das voces de The Rapants aproveitou para facer toda unha declaración de intencións “imos traer unha fábrica de baile e unha máquina de bo rollo. O noso adn é a música guitarreira con bailes dos 80 para que todo o mundo engraxe a cadeira”. E engadiu “Arestora estamos gravando un novo albume que sairá o ano que vén pero nos nosos directos xa poden escoitar algunha canción, algunha pista do novo traballo mesturado cos temas de “Nic Bahía”, o noso anterior traballo”.

Millarock 2022
O Milladoiro converterase un ano máis en punto de encontro para os amantes do rock   cun cartel con Chicharrón, Biribirlocke, The Rapants e Battosai.

The Rapants é unha banda de indie e garage formada en Muros en 2018. Son Xanma e Samuel á guitarra, Xaquín á batería e Matías ao baixo. O estilo destes catro mozos apóiase en temas animados e directos cargados de enerxía. As súas letras falan de amor, desamor, mocidade ou festa; todo cunha base musical baseada en ritmos disco e guitarras indies.

Battosai son Héctor, Nolo e Gus que en 2018 se xuntan para formar unha banda inspirada nos seus gustos compartidos polo rock da década dos 90 e 00, o grunge, o punk, o emo ou o rock alternativo. 
 Froito desa fusión xurdiron os seus primeiros singles "Cuánto Tiempo" e "12:21" e o seu primeiro LP "Battosai".

Biribirlocke comezou no rock and roll en 2010. A banda está formada por Héctor Ojea na batería, Raúl G. Doldán na guitarra, Carlos Freire no baixo, Andrea Pérez no saxo e Benja Seoane na voz. Trátase dun grupo cun directo moi potente con rock an roll feito en galego. Biribirlocke destaca pola enerxía coa que soben ao escenario e polo uso de cordas e ventos o que orixina un rock and roll moi particular.

Chicharrón é unha banda de Carballo que nace en 2014. A banda está formado por  Mara á voz, Alberto con voces e guitarra, Rosalía ao acordeón, Rubén ao teclados, Matías nos arranxos e Adrián á batería. Destacan por un estilo próximo ao pop e ao rock pero cunha vertente de música electrónica, un estilo que segue moi presente no seu último disco “Erosión” publicado en 2022.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames presenta el Millarock, «unha máquina de bo rollo»"

El Correo Gallego: "O rock galego chegará un verán máis ás rúas do Milladoiro en agosto"

Lindeiros: "En agosto chega o XI Millarock"

O XI Millarock trae a Chicharrón, Biribirlocke, The Rapants e Battosai

Multimedia

  • O XI Millarock trae a Chicharrón, Biribirlocke, The Rapants e Battosai