Pestanas principais

O XI Concurso de Escaparates de Nadal inclúe un "Xogo de Pistas" no que participan 37 establecemento comerciais

Sábado, 17 de decembro de 2016

[17-12-2016] A Concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo puxo en marcha unha nova edición do ''Concurso de Escaparates do Concello de Ames Nadal 2016''. Este ano houbo un gran participación coa inscrición de 37 establecementos comerciais (17 no Milladoiro e 20 en Bertamiráns). Este ano como novidade vaise a desenvolver un "Xogo de Pistas" no que participan todos os establecementos comercias inscritos. Os escaparates de ditos establecementos xa están decorados con diferentes motivos relacionados co Nadal dende o pasado 12 de decembro.


A décimo primeira edición do Concurso de Escaparates de Nadal presenta unha novidade respecto a edicións anteriores. Trátase do Xogo de Pistas no que participan os 37 establecementos comercias inscritos. Para o desenvolvemento deste Xogo fíxose entrega dunha chapa co logotipo do Concello de Ames, e 15 cartóns con espazos habilitados para estampar o selo dos establecementos e cubrir cos datos da clientela que queira participar.

A dinámica do xogo consiste en que a clientela debe atopar a chapa agochada nalgún punto dos establecementos participantes. Unha vez atopada a chapa o establecemento procederá a estampar o seu selo nun dos espazos habilitados para elo. Cando a persoa consiga 3 selos de 3 establecementos distintos deberá cubrir o cartón cos seus datos e depositalo nas urnas situadas na Casa da Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na casa da Cultura e Biblioteca do Milladoiro. Os cartóns poderán depositarse ata o día 5 de xaneiro de 2017.

Todos os cartóns que se depositen nas urnas estampados con 3 selos de 3 establecementos distintos, e cos datos persoais debidamente cubertos participarán nun sorteo de 3 cheques por valor de 500 euros. Soamente se aceptará un cartón por persoa. O resultado deste sorteo será publicado ao longo do mes de xaneiro de 2017. Segundo explica a concelleira de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Isabel González, “a través desta nova iniciativa trátase de que a veciñanza e Ames compre no comercio local, ao tempo que poden gañar unha importante cantidade de diñeiro”.

Lémbrase tamén que este ano se mantén, ao igual que en edicións anteriores, o premio especial do público, que premiará un establecemento do Milladoiro e outro en Bertamiráns. Para iso entregaráselle a cada local 150 boletos a repartir entre a súa clientela. Os resultados das votacións para o Premio Especial do Público serán publicados ao longo do mes de xaneiro de 2017.

Os boletos, que deberán ser entregados con todos os datos cubertos e asinados no espazo reservado para elo, depositaranse nas urnas colocadas na Casa de Cultura e Casa do Concello, en Bertamiráns, ou na Casa de Cultura e Biblioteca, no Milladoiro entre o 14 de decembro de 2016 e o 5 de xaneiro de 2017. No caso de que algún campo se deixe baleiro, incluída a sinatura, ese boleto será considerado como nulo. Os dous locais máis votados, un en Bertamiráns e outro no Milladoiro, recibirán un talón por valor de 200 euros cada un. Os clientes e clientas que decidan votar participarán no sorteo de tres talóns valorados en 300 euros.