Pestanas principais

O xefe territorial de Educación visita Ames por segunda vez para coñecer as demandas dos centros educativos

Mércores, 04 de decembro de 2013

[04-12-2013] O xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana Leira, visitou onte Ames por segunda vez nos últimos meses para continuar coñecendo as necesidades e demandas dos centros educativos amienses. Na súa visita, durante a que se achegou a centros educativos como o CEIP A Maía ou o CEIP Agro do Muíño, estivo acompañado polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar. O concelleiro explicoulle polo miúdo as necesidades e prioridades dos centros educativos amienses.


Trátase da segunda visita a Ames do xefe territorial de Educación desde o pasado mes de xuño. Nesa ocasión, mantivo unha reunión co rexedor e o concelleiro na que abordaron a situación e as necesidades dos cinco centros públicos de educación Infantil e Primaria (CEIP Agro do Muíño, EEI do Milladoiro, CEIP A Maía, CEIP de Barouta e CEIP de Ventín), así como do IES de Ames de cara ao inicio do curso escolar. Ademais, abordaron a posta en marcha do IES do Milladoiro e a ampliación do CEIP de Ventín.