Pestanas principais

O X Trofeo de Karate Concello de Ames celébrase este sábado no pavillón municipal de Bertamiráns

Mércores, 25 de abril de 2018

[25-04-2018] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acollerá este sábado, 28 de abril, a décima edición do Trofeo de Karate Concello de Ames. Nel participarán arredor de 70 karatekas de entre 3 e 13 anos, que competirán nas categorías benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete. Como novidade deste ano, todas as categorías serán mixtas. A competición, organizada polo Club Deportivo Karate Ames en colaboración coa Concellaría de Deportes, comezará ás 16:00 horas cun encontro das mozas e mozos participantes.


Este sábado, 28 de abril, terá lugar, no pavillón municipal de Bertamiráns, o X Trofeo de Karate Concello de Ames. A competición comezará ás 16:00 horas cun encontro entre as nenas e nenos participantes, co obxectivo de potenciar o coñecemento mutuo entre as crianzas, unha boa convivencia e o fomento de valores positivos ligados á práctica deste deporte. Posteriormente, entre as 18:00h e ás 19:00 horas, realizaranse as diferentes probas do Trofeo.

A décima edición desta competición de karate contará coa participación de seis clubs da contorna: Padrón Casino, Brión, Lamas de Abade, Bushi Kai, Asociación Galaica e Abalon Kai. Alén destes, o club organizador, o Karate Ames, tamén competirá no Trofeo. No total, os sete clubs achegan preto de 70 nenas e nenos de entre 3 e 13 anos, que competirán nas categorías mixtas de benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete.

Cada karateka competirá en dúas modalidades: kata (exhibición) e kumite (combate). Na primeira delas, as nenas e nenos participantes competirán en solitario, nun exercicio individual cun contrincante imaxinario, no que levarán a cabo movementos de defensa e ataque. Nesta modalidade medirase a potencia, a calidade técnica e a destreza nos movementos.

Na modalidade de kumite, a competición baséase nun combate sen contacto entre os dous membros dunha parella. En dita modalidade, as mozas e mozos están protexidos en todo momento con casco, peto, luvas e outros elementos de seguridade. Ademais, coa finalidade de garantir a integridade física das crianzas participantes, nesta modalidade está prohibido tocar o casco do rival. Unha vez finalizadas as probas, realizarase a entrega de trofeos. 

Taller de defensa persoal
O propio sábado, o Club Deportivo Karate Ames organiza un taller de defensa persoal. Dirixido a persoas maiores de 12 anos, o taller realizarase na sala aberta da Casa da Cultura de Bertamiráns, entre as 10:30h e as 13:00 horas. Debido ás limitacións de espazo, as persoas que queiran participar neste obradoiro gratuíto deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico cd_karate_ames@yahoo.es.