Pestanas principais

O X Certame Artístico-Literario Intercentros terá como temática a relación do alumnado coa lingua galega

Mércores, 07 de marzo de 2018

[07-03-2018] A escritora María Victoria Moreno naceu en Cáceres, mais trasladouse a Galicia con 22 anos, momento no que adoptou a lingua galega como propia. A autora, á que este ano se dedica o Día das Letras Galegas, acostumaba describir a súa relación co galego como unha historia de amor. Con esta temática, a relación de cada quen coa lingua galega, o Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a décima edición do Certame Artístico-Literario Intercentros. Nel poderán participar as nenas e nenos escolarizados en centros amesáns nos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria. Os traballos, relatos ou poemas ilustrados, poderán presentarse de xeito individual ou por parellas ata o 4 de maio. Os premios entregaranse, coincidindo co acto de celebración do Día das Letras Galegas, o 16 de maio no Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do certame.

O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a décima edición do Certame Artístico-Literario Intercentros, que está dirixido ao alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria dos centros de ensino amesáns. As rapazas e rapaces que queiran participar poderán presentar os seus traballos de maneira individual ou por parellas ata o vindeiro 4 de maio. Os textos que se presenten, relatos ou poemas ilustrados, deberán estar escritos en lingua galega.

A temática escollida para esta edición é a relación do alumando coa lingua galega. Unha idea que xorde a partir do compromiso que a escritora María Victoria Moreno mantivo con Galicia e a súa lingua. A autora, que naceu en Estremadura mais que viviu en Galicia a maior parte da súa vida, describía así a súa ligazón coa nosa terra e a nosa lingua en 1993: "A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor".

Deste xeito, o alumnado participante no certame deberá presentar un texto ilustrado, en prosa ou en verso, no que conte como é, como imaxina ou como quere que sexa a súa relación coa lingua galega. En prosa, a extensión mínima será de 150 palabras e a máxima de 300. Na modalidade de poesía, a extensión mínima será de 20 versos, mentres que a máxima será de 50. Para participar, deberá ser entregado o texto orixinal escrito á man, acompañado de dúas copias.

O Certame Artístico-Literario Intercentros contará con dúas categorías. A primeira delas abarcará ás crianzas de 3º e 4º, mentres que a segunda incluirá ás nenas e nenos de 5º e 6º de primaria. Haberá tres premios por cada categoría. O alumnado participante terá que entregar os seus traballos ás titoras ou titores de cada clase, que farán a primeira selección. Os colexios terán ata o 4 de maio para enviar os traballos escollidos ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames.

O xurado, que estará conformado por tres membros propostos pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ames, será o encargado de escoller os traballos premiados. A decisión do xurado farase pública o 10 de maio. A entrega de premios realizarase o 16 de maio, no acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro en conmemoración do Día das Letras Galegas.

XV Certame Literario Concello de Ames
O Concello de Ames acaba de convocar, tamén, a décimo quinta edición do Certame Literario de narrativa e poesía, ao que poderá concorrer calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. Os textos, que serán de temática libre, poderán enviarse ata o día 3 de abril incluído. No total, repartiranse preto de 3.000 euros.

O certame ten dúas modalidades (narrativa e poesía), e en cada modalidade tres categorías, de xeito que poden participar persoas de calquera idade. As nenas e nenos que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda estará dirixida ás rapazas e rapaces de entre 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 150 euros, 120 euros e 90 euros na primeira categoría;180 euros, 150 euros e 120 euros na segunda; e 260 euros, 210 euros e 180 euros na terceira.

Para obter máis información sobre algún destes dous certames pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, correspondente ao Servizo de Normalización lingüística (SNL) do Concello de Ames.

Contido relacionado


Ames Go: "A relación do alumnado coa lingua, temática do X Certame Artístico Literario Intercentros"