Pestanas principais

O Volei Boiro e o Bertamiráns FC enfrontáronse no primeiro partido de voleibol de Nadal

Martes, 04 de xaneiro de 2011

[04-01-2011] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o I Torneo de Volei Nadal 2010. A cita tivo lugar o pasado día 31 de decembro, ás 17:00 horas. O Bertamiráns FC decidiu organizar un partido de voleibol co obxectivo de impulsar este deporte no concello de Ames. Un combinado de xogadores das diferentes categorías de voleibol do Bertamiráns FC enfrontáronse ao Club Voleibol Boiro. Os dous equipos ofreceron un gran espectáculo para pechar o ano. O partido estivo moi igualado pero finalmente o Volei Boiro impúxose por tres sets a dous. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Francisco Villaverde, foron os encargados de facer entrega dos trofeos ao final do encontro.

A promoción do voleibol entre a veciñanza de Ames é un dos principais obxectivos do Bertamiráns FC. Para iso o club amiense organizou un partido amistoso que tivo lugar o día 31 de decembro no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Neste encontro, un combinado de xogadores das distintas categorías de voleibol do Bertamiráns FC enfrontáronse ao Club Voleibol de Boiro. Moitos veciños e veciñas amienses afeccionados a este deporte achegáronse ata o pavillón de Bertamiráns para gozar deste deporte no que dous equipos se enfrontan separados por unha rede intentando que o balón caia no chan do campo contrario.

O encontro estivo moi igualado ata o final como reflicte o marcador. O primeiro set foi para o Volei Boiro por 25 puntos a 16. A pesar de comezar perdendo o Bertamiráns FC non se veu abaixo e remontou o resultado. No segundo set impúxose por 25 a 20 puntos e no terceiro set gañou por 27 a 25 puntos. No cuarto set o conxunto local chegou a dispor de punto de partido pero non aproveito a vantaxe. A partir de aí o Boiro volveu a levar a iniciativa no xogo e gañou primeiro o cuarto set por 27 a 25 puntos, e despois adxudicouse o quinto e último set por 15 a 10 puntos.

É a primeira vez que se leva a cabo esta iniciativa no noso concello. A entrada ao partido foi de balde co fin de que puidera acudir o maior número de afeccionados. Non se descarta que a iniciativa poida repetirse en próximos anos e mesmo enfocarse cara un carácter benéfico.

Tralo partido realizouse a entrega de trofeos aos dous equipos que participaron nesta iniciativa. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, e o concelleiro de Cultura e Deportes, Francisco Villaverde, foron os encargados de facer entrega dos trofeos, facendo visible o apoio do goberno municipal á promoción deste deporte en Ames. Ao final do encontro os xogadores e as autoridades puideron degustar uns petiscos antes de despedir o ano.