[09-04-2012] Aproveitando as vacacións de Semana Santa o Bertamiráns FC, en colaboración co Concello de Ames, organizou o primeiro Torneo de fútbol base Bertamiráns FC, Ames Cup, que se desenvolveu entre o día 5 ata o 8 de abril no campo municipal de Bertamiráns. Os equipos do Vista Alegre CF, SD Villestro e Atlético Fátima foron os gañadores nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín respectivamente, da primeira edición do Torneo de fútbol base Bertamiráns FC. Os equipos de benxamíns e alevíns do Bertamiráns FC quedaron subcampións nas súas respectivas categorías. Na categoría prebenxamín, o subcampión foi o Atlético Fátima. Neste torneo participaron un total de 38 equipos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín. A fase de grupos disputouse os días 5 e 6 de abril, mentres que a fase de eliminación directa xogouse o día 7. As finais de cada categoría disputáronse o domingo 8 de abril pola mañá.
As finais de consolidación tamén se disputaron o domingo pola mañá. Na categoría alevín quedou terceiro a Escola Deportiva Val do Ulla, que se proclamou vencedor ao gañar no lanzamento de penaltis ao Sálvora CF, tras empatar a un gol no partido. A final de consolación da categoría de benxamíns tivo o mesmo guión que a dos alevíns. O CD Compañía de María e o ED Val do Ulla tiveron que chegar aos penaltis para resolver o campión tras igualar a 1 no tempo regulamentario, pero neste caso, a sorte foille esquiva aos de Vedra e o CD Compañía de María quedou co título de consolación Benxamín.
O premio individual de mellor xogador na categoría alevín foi para Ángel Muñíz, do Bertamiráns FC; na categoría benxamín recaeu en Hugo Novoa, tamén do Bertamiráns FC; e na categoría prebenxamín foi para David Blanco, do Vista Alegre CF. O máximo goleador da categoría alevín foi Gonzalo Pampín do Amio SD; da categoría benxamín foi Ángel Villar do Rácing San Lorenzo; e da categoría prebenxamín foi Jaime Pan da SD Villestro. Mentres que os premios de mellor porteiro foron para Alejandro Braña do Atlético Fátima, na categoría alevín; Manuel Jiménez da SD Villestro, na categoría benxamín; e Daniel Rodríguez da SD Villestro, na categoría prebenxamín.
Na entrega de premios estiveron presentes o presidente e o vicepresidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño e Alfonso Salgado, así como o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar e a concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González.
Finais das categorías prebenxamín, benxamín e alevín
A primeira final en disputarse foi a da categoría benxamín, que se xogou entre o SD Villestro e o Bertamiráns FC. O resultado foi de 3-0 para a SD Villestro. A continuación disputouse a final da categoría alevín, que mantivo a emoción ata o último minuto. O Bertamiráns FC adiantouse no marcador mediada a primeira metade, pero tralo descanso, os xogadores da Atlético Fátima lograron o empate no tramo final do encontro. Con empate no marcador os dous equipos dispuxeron de varias ocasións para gañar o partido, pero a falta dun minuto para o final os xogadores do Atlético Fátima aproveitaron unha indecisión na defensa do Bertamiráns para marcar o 1-2 definitivo.
O torneo pechouse coa final da categoría prebenxamín que enfrontou ao Vista Alegre CF e ao Atlético Fátima, ambos os equipos chegaron á final tras senllas quendas de penaltis contra Milladoiro SD e SD Villestro. A primeira parte foi de respecto entre ambos os conxuntos, pero na segunda metade o Vista Alegre fíxose co dominio do xogo e no primeiro minuto adiantáronse no marcador cunha internada pola banda esquerda que finalizou cun disparo axustado ao pau. David Branco (mellor xogador da categoría) resolveu o partido anotando tres goles máis. O resultado final foi de 4-0 para o Vista Alegre CF.
Despois de 90 partidos disputados entre o 5 e o 9 de abril, a primeira edición do Torneo de fútbol base Bertamiráns FC, Ames Cup, rematou cun balance máis que satisfactorio tanto polo nivel que amosaron os equipos participantes coma polo gran número de afeccionados que pasaron polo campo municipal de Bertamiráns. Durante estes catro días de Semana Santa máis de 2000 persoas pasaron polo campo municipal de Bertamiráns para asistir á primeira edición da Ames Cup.
O concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, manifestou que a primeira edición da Ames Cup “foi un auténtico éxito tanto polo nivel mostrado polos equipos participantes coma pola afluencia de público que pasou polo campo municipal de Bertamiráns durante os catro días nos que se desenvolveu o torneo”. Ademais, Ferreiro incidiu en que “este torneo cumpriu co obxectivo de promover a práctica do deporte entre os máis pequenos cun dobre propósito. Dunha banda, tratouse de difundir os beneficios do exercicio físico para a saúde dos rapaces pero, ademais, incidiuse especialmente no papel que xoga o deporte como recurso versátil na formación dos cativos/as como persoas, inculcando valores como o compañeirismo, a solidariedade e a competitividade ben entendida".
O torneo arrincou o pasado xoves 5 de abril, ás 10:00 horas, con dous encontros da categoría alevín, que enfrontou ao Milladoiro SD C contra o Vitoria CF B e o Atlético Fátima A contra o Vista Alegre CF. Neste torneo participaron un total de 38 equipos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín. En total disputáronse 90 partidos. Durante estes catro días vivíronse grandes momentos, emocións e triunfos. A fase de grupos disputouse os días 5 e 6 de abril, mentres que a fase de eliminación directa xogouse o día 7. O domingo disputáronse as finais de todas as categorías.




