Pestanas principais

O vindeiro xoves remata o prazo de inscrición para o obradoiro A bailar con Pesdelán

Luns, 01 de outubro de 2018

[01-10-2018] O vindeiro venres, 5 de outubro, o Pazo da Peregrina acollerá ás 18.00 horas o obradoiro “A bailar con Pesdelán”, no que as familias con nenos e nenas, guiadas por Montse Rivera, poderán gozar, rir, bailar e coñecer novas/os compañeiras/os de baile. As inscricións para esta actividade, que chega a Ames da man do programa Apego, poderán realizarse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos, un teléfono de contacto e a idade das persoas participantes. O prazo de inscrición remata o xoves, o 4 de outubro.

A través do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística ofrece ás familias con nenos e nenas rematar o ano con diversas actividades como, charlas, contacontos, teatro ou foliadas. Así, o vindeiro venres, 5 de outubro, realizarase o obradoiro “A bailar con Pesdelán mini”, unha actividade dinámica, participativa e didáctica dirixida ao público infantil acompañado de adultos. Nela, mediante a música, o baile e a aprendizaxe de xogos sinxelos, búscase recuperar e poñer en valor o espírito participativo das festas e integrar a todas as persoas sen importar a súa idade, condición física ou experiencia, converténdoas nun público activo. Guiados por Montse Rivera riremos, bailaremos e coñeceremos novos e novas compañeiras de baile.

Pesdelán naceu en 2008 coa teima de substituír o concepto de público-espectador polo de público-participante, propoñendo para iso un espectáculo divertido que recupera o espírito das festas de toda a vida. Levan publicados dous deuvedés - “Na punta do pé” e “Entroidanzas”- que teñen a súa correspondencia con obradoiros ao vivo coma o que chegará ao Pazo da Peregrina este venres, 5 de outubro. Nese caso trátase de “A bailar con Pesdelán mini”, no que se prescinde da parte musical en directo mantendo a parte dos puntos e movementos do baile galego e doutros lugares. A entrada e participación na actividade son gratuítas.

Para participar neste obradoiro é preciso inscribirse a través dun correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos, idade e un teléfono de contacto das persoas participantes. O prazo de inscrición desta actividade remata o próximo 4 de outubro.

O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal