Pestanas principais

O vindeiro xoves 13 de setembro chega a Ames o Tour Experiencias Galicia Calidade

Venres, 07 de setembro de 2012

[07-09-2012] Este xoves, 13 de setembro, o Tour Experiencias Galicia Calidade achegarase ata Ames para presentar esta campaña e impartir Showcookings e facer demostracións de cociña. A unidade móbil estará durante todo o día no aparcadoiro da rúa das Pesqueiras, situado diante do supermercado Carrefour. Faranse tres demostracións de cociña, nas que poderán participar un máximo de 35 persoas en cada unha, e que terán unha duración aproximada dunha hora. Os obradoiros serán ás 12:30h; 17:30h e 19:00 horas. Para participar nestes obradoiros haberá que inscribirse previamente no Concello enviando un correo electrónico a turismo@concellodeames.org ou chamando ao número de teléfono 981 883 002, extensión 2012. Se quedan prazas libres tamén se poderán realizar inscricións o mesmo día das actividades na unidade móbil.


A Consellería de Economía e Industria, a través da entidade Galicia Calidade, puxo en marcha unha campaña de promoción que percorrerá ata o próximo 29 de setembro un total de 35 localidades das catro provincias co obxectivo de informar sobre o selo de garantía e promover o consumo de produtos galegos. O obxectivo prioritario de Galicia Calidade é achegar esta campaña ás asociacións de amas de casa e aos consumidores, así como á cidadanía en xeral.

A intención do Tour Experiencias Galicia Calidade é achegar aos usuarios non só a calidade dos produtos con selo de Galicia Calidade, se non tamén, ao mesmo tempo, as súas aplicacións na cociña. Galicia Calidade quere achegarlle á cidadanía o mellor da nosa terra e que a xente coñeza como se pode sacar o máximo partido á mellor selección de produtos, coa garantía das marcas galegas máis prestixiosas. Isto faise da forma máis atractiva, interactiva e amena posible para xerar no consumidor a maior sensación de proximidade posible, por iso Galicia Calidade sae a rúa.

Inscrición nos obradoiros de cociña

As actividades que ser enmarcan dentro deste Tour baséanse principalmente en impartir Showcookings e facer demostracións de cociña con produtos de Galicia Calidade. Estas poderanse seguir tanto desde o interior do vehículo, equipado cunha cociña, como a través das pantallas habilitadas no exterior. Os produtos cociñados repartiranse entre o público, ao que tamén se lle ofertarán receitarios. Concretamente, faranse tres demostracións de cociña, de aproximadamente 60 minutos cada unha. Os horarios son ás 12:30h; 17:30h e 19:00 horas.

En cada unha das demostracións poden participar un total de 35 persoas. Para participar nestas actividades haberá que inscribirse previamente no Concello enviando un correo electrónico a turismo@concellodeames.org ou chamando ao número de teléfono 981 883 002, extensión 2012. Se quedan prazas libres tamén se poderán realizar inscricións o mesmo día das actividades na unidade móbil.

Ademais, na unidade móbil que estará aparcada no aparcadoiro da rúa Pesqueiras ofrecerase información de primeira man sobre a marca Galicia Calidade, a súa aposta pola innovación e a internacionalización das empresas galegas e os produtos e servizos asociados.

Finalmente, haberá un reparto de obsequios, folletos promocionais e sorteos. A marca Galicia Calidade, que se propuxo con esta iniciativa chegar a 35.000 persoas, conta con máis de 150 produtos e servizos amparados dun total de 44 empresas asociadas.