Pestanas principais

O vindeiro venres, 13 de setembro, celébrase unha xuntanza informativa sobre o inicio do curso na Escola Municipal de Música de Ames

Mércores, 11 de setembro de 2013

[11-09-2013] O alumnado que está matriculado no curso 2013-2014 da Escola Municipal de Música de Ames comezará as clases a semana do luns 16 de setembro. Previamente, realizarase unha reunión informativa sobre o inicio do curso o próximo venres, 13 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro multiusos de Aldea Nova. Nesta reunión informarase dos grupos e horarios de cada materia que se imparte na EMMA. O horario de cada neno e nena establecerao a mestra ou o mestre en función da idade e dos coñecementos de cada un deles. Este ano a Escola Municipal de Música de Ames, dependente da Concellería de Cultura, rexistrou un total de 206 matriculados de cara ao vindeiro curso académico. Calquera dúbida respecto aos horarios pódese consultar chamando ao número de teléfono 981 535 940, en horario de 9:30 a 13:00 horas.

Para o curso 2013-2014 rexistráronse un total de 206 matrículas. Uns 167 alumnos/as continúan estudos na escola de música, mentres que 39 son novos alumnos/as que se matricularon por primeira vez neste servizo municipal. O novo alumnado matriculouse nas seguintes materias: 21 en música e movemento; 3 en canto; 4 en guitarra; 6 en violín; 4 en batería, e 1 en frauta. Este ano incrementouse o número de usuarios/as que se matricularon neste servizo municipal. No décimo aniversario da Escola Municipal de Música de Ames superáronse por primeira vez as 200 matrículas.

A media de matriculados/as na EMMA está en 155 persoas por curso, que non está nada mal. No seu primeiro ano de existencia a escola de música tivo 182 alumnos/as matriculados. Durante os seguintes cursos o número de usuarios foi de 95, 119, 124, 96, 145, 194, 190 e 193 alumnos/as ata chegar aos 206 deste curso. Dentro das medidas adoptadas para mellorar o funcionamento da Escola Municipal de Música inclúese o nomeamento dun coordinador que traballa en colaboración co persoal municipal adscrito a este servizo municipal.

Como soe ser habitual todos os anos, antes do comezo das clases na Escola Municipal de Música de Ames, celebrarase unha reunión informativa sobre o inicio do curso 2013-2014. Dita xuntanza terá lugar o venres 13 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro multiusos de Aldea Nova. Esta reunión está aberta a todos os pais/nais e alumnos/as da escola. As clases na Escola Municipal de Música comezarán o luns 16 de setembro.

Oferta educativa da EMMA
A oferta educativa da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) como sempre, estará orientada a nenos/as de 4 anos en adiante. Para os nenos e nenas de 4 a 7 anos impártense clases de música e movemento. Estas son clases colectivas de 10-12 alumnos/as. Trátase dunha materia na que se fai unha introdución á música. A través do xogo os nenos/as achéganse á música. Empréganse ferramentas básicas para un ensino musical eficaz en anos posteriores. O alumnado está dividido en tres grupos que se establecen sempre atendendo o criterio da idade.

Para as persoas de 7 anos en diante (sen límite de idade) impártense clases de instrumento e linguaxe musical ou música para adultos. As clases de instrumento son individuais de media hora á semana, e as de linguaxe musical ou música para adultos son clases colectivas (10-12 alumnos/as) unha hora á semana. Impártense clases de piano, guitarra, violín, percusión-batería, saxofón, frauta e canto.

Ademais destas clases, para os alumnos/as matriculados na escola, hai clases colectivas de coro, combo, orquestra de frautas, agrupacións de violíns. Nas que se pode participar, cando xa se acada un nivel de coñecementos, e baixo o criterio dos profesores. Todas as clases se imparten nas aulas do Centro multiusos de Aldea Nova, polas tardes, a partir das 16:00 horas.

A través deste servizo municipal ofréceselle aos nenos e nenas amienses, desde hai dez anos, a oportunidade de aprender a tocar un instrumentos ou continuar estudos musicais. Ademais, a Escola Municipal de Música de Ames segue innovando ano tras ano e introducindo novas materias no programa educativo.