Pestanas principais

O vindeiro martes, 23 de outubro, retómanse os Espazos para reflexionar cunha xornada sobre a diversidade

Sábado, 20 de outubro de 2018

[20-10-2018] Os Espazos para reflexionar volven o martes, 23 de outubro, ao IES do Milladoiro. A actividade, que se celebrará no salón de actos do instituto entre as 17:00h e as 19:00 horas, versará sobre a diversidade sexual. Nesta ocasión, intervirán como poñentes varios representantes da asociación Arelas, formada por familias de menores trans. O proxecto, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla, en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

Os Espazos para reflexionar proseguen este martes, 23 de outubro, cunha sesión centrada no valor da diversidade sexual. Baixo o título Sorrisos transformadores. Dereito a ser distintos, a nova charla tentará reflexionar sobre a diversidade enfocada no ámbito sexual, superando o sistema binario e o marcado pola heteronorma.

Desta maneira, o Espazo programado para este mércores converterase nun espazo onde algúns membros da asociación Arelas, formada por familias de menores trans, achegarán aos participantes as súas experiencias. Ao mesmo tempo, tentarase reflexionar sobre o dereito á diferencia e a posta en valor da diversidade sexual.

A sesión, que conta co apoio da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames e o IES Milladoiro, terá lugar no salón de actos do instituto entre as 17:00h e as 19:00 horas. Os Espazos están dirixidos a nais e pais, avoas e avós, persoas que queiran ter fillas e fillos... Para asistir non é preciso inscribirse previamente.
Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O obxectivo deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesión prácticas e amenas.