Pestanas principais

O vindeiro luns día 21 de novembro o Milladoiro estrea un mercado na Praza de Manuel Murguía

Venres, 18 de novembro de 2011

[18-11-2011] A Concellería de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo leva meses traballando para dotar ao Milladoiro dun novo mercado de rúa; finalmente será o vindeiro luns día 21 de novembro ás 16.30 horas cando se inaugure este novo mercado que estará na Praza Manuel Murguía. Segundo explica o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, o novo mercado contará con ofertas e importantes novidades con respecto ao de Bertamiráns; entre as novidades destaca que haberá un polbeiro durante todo o día, tres postos de artesanía, unha adega das Rías Baixas poñerá á venda o seu Albariño, haberá tamén un posto de queixos, un posto de plantas, e sete postos de venda de produtos ecolóxicos (froitas, hortalizas, etc). Tamén contará con dous postos de churros, e os típicos postos de calzado e téxtil. Ofertarase unha zona específica para alimentación e produtos da horta.

No primeiro día do mercado ofreceranse actividades para nenos. Entre as 16.30 e as 20.00 horas a escola de música Allegro, sita na Rúa Raxoeira ofrecerá aos máis cativos o programa "coñece o país da música" a través de xogos, canto, baile, cancións, instrumentos etc. Tamén contarán na Galería de Arte Di Carvalho sita na mesma Praza de Manuel Murguía con actividades que lle permitirán achegarse ao mundo da Arte e facer os seus primeiros bocetos dun cadro. Pensando en tódolos públicos, e non só nos máis cativos, dende as 18.30 ás 19.30 convidarase aos asistentes a un chocolate con churros das dúas churrerías.

O novo mercado do Milladoiro contará cun total de 70 postos pero nace cun claro obxectivo de ampliación para que nun corto prazo se poidan incrementar o número de postos así como a oferta comercial. Está previsto que este mercado abra nos meses de inverno de 16.30 a 19.30, e no verán de 16.30 a 20.30. O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e turismo, Bernardo Moar, explicou que os comerciantes de Milladoiro e moitos vendedores ambulantes levan anos demandando este mercado e amosouse sorprendido ante a gran expectación e aceptación que está a ter a iniciativa, agora "só espero que a apertura do mercado lle dea un importante impulso á economía do Milladoiro, e que se achegue ata el moita xente" asegura Moar.

O Pleno celebrado a principios de setembro, correspondente ao mes de agosto, aprobara cos votos do grupo municipal popular e cos do grupo socialista a modificación do Regulamento de venda ambulante do Concello de Ames. Naquel momento o concelleiro Bernardo Moar levará a pleno a proposta de dotar dun novo mercado ao núcleo do Milladoiro e ampliar o de Bertamiráns á Praza da Maía. A iniciativa de Moar contou dende o principio co apoio de comerciantes, asociacións de vendedores ambulantes e da Mesa Local de Comercio.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Milladoiro estrenará mercadillo el día 21 con setenta puestos"
El Correo Gallego: "El próximo lunes O Milladoiro estrena un mercado"