- Tematica
Un ano máis, volve a Ames o programa de actividades acuáticas para as persoas maiores “Sanauga”, unha iniciativa da Concellaría de Benestar Social que está xestionada pola Oficina de Voluntariado (OVA). Estas actividades acuáticas impartiranse no centro deportivo da Telleira, en Bertamiráns, e están dirixidas a persoas maiores de 60 anos empadroadas en Ames. Os/as interesados/as poden inscribirse do 21 ao 24 de setembro, de 10.00 a 14.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Coa chegada do outono, a Concellería de Benestar Social volve impulsar o programa “Sanauga”, dirixido ás persoas maiores de 60 anos que estean empadroadas en Ames, co obxectivo de mellorar a súa mobilidade e o seu benestar físico. Así, o curso vai encamiñado a mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, sinala que “Estas actividades teñen unha alta demanda entre os nosos maiores, pois é habitual que as prazas se esgoten no propio día. Isto pon de manifesto o interese da veciñanza por coidarse e manterse activos, querendo aproveitar os beneficios que achega a ximnasia na auga”.
Para poder participar nesta actividade, non é preciso saber nadar, posto que as dinámicas consisten na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O que se pretende con esta metodoloxía é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas, facilitando os movementos e a exercitación dos músculos. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.
Horarios e inscricións
O programa desenvólvese nas instalacións municipais do centro deportivo A Telleira, situada en Bertamiráns. As actividades, que se impartirán polas mañás, repártense en seis grupos, os martes e xoves, a partir das 9:15 horas cada 45 minutos. As sesión son de 9:15 a 10:00h; de 10:00 a 10:45h (con dúas quendas); de 10:45 a 11:30h; de 11:30 a 12:15 horas; e de 12:15 a 13:00h.
As persoas que estean interesadas poden inscribirse do 21 ao 24 de setembro, de 10.00 a 14.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para obter máis información pódese chamar ao número de teléfono 662 377 044. Terán prioridade as persoas de maior idade e/ou con patoloxías acreditadas.





