[06-11-2017] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade pon en marcha a VII edición das Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, que se celebrarán o vindeiro 16 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro. As xornadas estarán conformadas por dúas conferencias, unha mesa redonda e outra de debate, de mañá, e de seis obradoiros pola tarde. A inscrición, cuxo prazo xa está aberto, pódese facer a través da páxina web www.acercateaigualdade.com.
As actividades encadradas dentro da VII Xornada Acércate comezarán a primeira hora da mañá no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, coa apertura de portas ás 8:30 horas. Posteriormente, ás 9:00 horas, terá lugar unha breve inauguración institucional. A primeira das conferencias celebrarase ás 9:15 horas. Ana Torres Jack, psicóloga e orientadora educativa, autora da obra Máis alá do rosa e do azul, será a responsable de impartir esta conferencia que tratará sobre a transmisión de valores e estereotipos de xénero.
Ás 10:15 horas terá lugar unha mesa redonda sobre os efectos que a violencia de xénero ten nas crianzas. Nela participarán María Dolores Aguilar Redorta, médica pediatra e de atención primaria especialista en violencia e infancia, Carmen González Pais, psicóloga da Unidade de Psicoloxía Forense da Universidade de Santiago experta en violencia de xénero, e Carlos de Francisco Moure, psicólogo da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar: Programa de Avaliación e Tratamento Terapéutico de Menores en Situación de Risco e Desamparo.
Ás 11:30 horas haberá un pequeno descanso-café. As actividades retomaranse ás 12:00 horas coa mesa de debate Estratexias educativas como chave para a igualdade, na que participarán Sara Vierna Fernández, educadora social especialista en coeducación e igualdade e cofundadora de Almas Meraki, Sonia Fernández Casal, mestra do IES Plurilingüe Fontexería (Muros) e experta en coeducación en centros de ensinanza, e Gloria Isabel Serrato Azat, formadora de profesorado e asesora en proxectos de educación para a igualdade de oportunidades, coeducadora e mediadora social. As actividades da mañá rematarán cunha conferencia-coloquio, ás 13:15 horas, sobre a pornografía ética e feminista. Amarna Miller, youtuber, cineasta de pornografía, escritora e activista pro-sex, será a responsable de impartila. As 14:15 horas producirase a despedida institucional.
Obradoiros programados para a tarde
Pola tarde, o público asistente poderá escoller dous dos seis obradoiros programados. Na primeira parte, que terá lugar entre as 15:45h e as 17:10h, terán que elixir entre a opción A “A comunicación positiva e eficaz para a resolución de conflitos”, de Julia Tábora, xornalista e experta en ciencias da comunicación; a opción B “Falémoslle de sexo: suxerencias e ferramentas para educar á mocidade na afectividade sexual”, de Paula Fernández Rico, traballadora social do centro Quérote+; e a opción C “Como potenciar as nosas habilidades emocionais? O autocoñecemento”, de Mónica González Blanco, psicoeducadora experta en competencias emocionais.
Na segunda parte, que se desenvolverá entre as 17:20h e as 18:40 horas, o público asistente terá que escoller entre a opción A “Coeducar nenos e nenas máis libres e felices”, de Rubén Torres Campelo, profesor de ensino secundario e investigador en xénero e masculinidades; a opción B “A expresión corporal como ferramenta de empoderamento, de Inmaculada García Rodicio, traballadora social formada en Terapia Gestalt e Terapia Integrativa; e a opción C “Estratexias creativas para a xestión da ansiedade e o estrés”, de Reina D’Hoore, artista e terapeuta experta en regulación emocional.
A participación nestas xornadas está aberta a todo o público interesado, porén, como as prazas son limitadas, recoméndase inscribirse na páxina web www.acercateaigualdade.com, a través do formulario de inscrición.
Xornadas nos centros educativos
Por outra banda, o venres, 24 de novembro, haberá unha xornada expositiva nos centros educativos do Concello de Ames. Esta xornada está dirixida ao alumnado dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. Así, impartirase unha charla sobre “A xestión do consentimento e as relacións afectivo-sexuais en mozas e mozos”.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Pornografía ‘ética’ para Ames contra la violencia de género"
Lindeiros: "VII Xornadas Acércate de Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero"