[07-03-2016] O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a VIII edición do Certame Artístico-Literario Intercentros. Nel poden participar rapaces e rapazas, escolarizados en centros amesáns, dos cursos de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria. Os textos, relatos ou poemas, deben estar escritos en galego e ter como temática central a importancia da diversidade. Os traballos poderán presentarse de xeito individual ou por parellas e os premios aos mellores traballos entregaranse o día 13 de maio, coincidindo co acto de celebración do Día das Letras Galegas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases deste certame.
A temática dos traballos xirará en torno á importancia da diversidade e nos textos deberá desenvolverse a seguinte idea: "Aqueles días estendérase pola rede a nova de que en diferentes partes do mundo apareceran uns seres grises que obrigaban a todas as persoas a vestir con pantalón e chaqueta de raias e con zapatos de taco aguzado. Ademais, castigaban a quen non falase e escribise a lingua agrisada e premiaban a quen lles axudase a pintar de gris o mundo. Estrela e Lois sintonizaron Ames Radio e sentiron abraiados como a locutora falaba nunha lingua estraña...Xa chegaran a Ames...".
Con este punto de partida, rapaces e rapazas crearán un poema ou un relato no que relaten o desenlace desta historia.
Os e as participantes entregarán o texto e a ilustración orixinais. Os relatos deben ter unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 500. En poesía, a extensión mínima é de 20 versos e a máxima de 50.
O Concello establece dúas categorías distintas: a primeira, para nenos e nenas de 3º e 4º de primaria, e a segunda, para nenos e nenas de 5º e 6º de primaria. A primeira fase de selección de traballos realizarase nos propios centros escolares e os colexios terán de prazo ata o luns, 25 de abril, para enviar os traballos seleccionados ao Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, cuxa oficina se atopa na Casa da Froita do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.
Nunha segunda fase, un xurado, composto por tres persoas propostas pola concellaría de Normalización Lingüística de Ames, escollerá os traballos premiados. Os premios entregaranse o 13 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.
XIII Certame Literario Concello de Ames
Por outra banda, cómpre lembrar que está aberto o prazo de para participar na décimo terceira edición do certame de narrativa e poesía, que convoca de forma anual o Concello de Ames. Neste certame poderá participar calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. Os textos poderán enviarse ata o día 4 de abril de 2016 (incluído). En cada modalidade do certame (narrativa e poesía) establécense tres categorías e, en cada categoría, tres premios.
O Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa colaboradora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos/as autores/as con cinco exemplares do volume que se edite.
Para máis información poden chamar ao número de teléfono 662 377 215 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.org correspondente ao Servizo de Normalización lingüística (SNL) do Concello de Ames.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "El certamen Intercentros anima a los escolares a valorar la diversidad"




