Pestanas principais

O Verán sobre Rodas remata este sábado coa celebración dun festival de fin de campamento

Sábado, 29 de xullo de 2017

[29-07-2017] O festival celebrarase mañá, sábado 29 de xullo, a partir das 12:00h. Durante cerca de dúas horas, as nais e pais poderán ver as coreografías que as nenas e nenos participantes estiveron preparando ao longo desta última semana. Durante a segunda quincena de xullo, participaron do Verán sobre Rodas, 100 nenas e nenos entre os 4 e os 16 anos.

Serán 90 as rapazas e rapaces que este sábado participarán deste festival organizado para pór punto e final ao Verán sobre Rodas. Así, entre as 10:00h e as 12:00 horas as nenas e nenos participantes ultimarán os últimos detalles das súas actuacións, con dúas horas de ensaio. A partir das 12:00h o festival comezará con dúas partes diferenciadas: unha con patíns e a outra sen eles. Ámbalas dúas partes caracterízanse pola realización de coreografías por parte dos 4 grupos nos que as nenas e os nenos estiveron divididos durante o desenvolvemento das actividades. Unha destas coreografías foi coordinada pola profesora de inglés do campamento. Cómpre destacar, asemade, que a roupa que as nenas e nenos lucirán durante o festival foi confeccionada por elas e eles mesmos.

Dúas semanas cheas de actividades
Ao longo deste par de semanas, as actividades non se restrinxiron á patinaxe e ao hóckey (eixos centrais, por outra parte, deste campamento). Desta maneira, as nenas e nenos participantes tamén tiveron a oportunidade de xogar á chave e ao béisbol, de practicar judo e tiro con arco, de nadar nas piscinas municipais e de facer zumba, entre outras actividades. Toda esta ampla programación ten o obxectivo de, alén de dinamizar a mañá, facer descubrir ás nenas e nenos diferentes deportes.

Un campamento que non fai máis que medrar
Desde os seus inicios, hai xa sete anos, o Verán sobre Rodas medrou considerablemente. Na súa primeira edición, este campamento contou só coa participación dunha trintena de nenas e nenos (un dato que contrasta considerablemente coas cifras deste ano). De igual maneira, as actividades que conforman o Verán sobre Rodas tamén se foron ampliaron, incorporando, entre outras, ballet, esgrima, tenis ou rugby. Sobresae, igualmente, e como novidade deste ano, a contratación dunha profesora de inglés co obxectivo de combinar a aprendizaxe da lingua coa realización de diferentes actividades lúdicas.