[28-11-2018] As empresas con sede social ou centro de actividade no concello de Ames que empreguen o galego na súa actividade empresarial poderán ser recoñecidas co Premio Lingua e Empresa. Optarán a este recoñecemento, impulsado polo Servizo de Normalización Lingüística e o departamento de Promoción Económica de Ames, todas as empresas que sexan propostas ata o 30 de novembro por calquera persoa, entidade ou a propia empresa. O gañador do premio, dotado de 2.500 euros e unha campaña de difusión na Radio Municipal de Ames, farase público entre o 15 e o 20 de decembro.
Para presentar unha candidatura é necesario que unha persoa, entidade ou a propia empresa entregue cuberta, de xeito presencial ou telemático, a ficha dispoñible baixo a pestana de descargas deste aviso antes do venres 30 de novembro. Os lugares habilitados para a presentación de xeito presencial no Concello de Ames son a Oficina de Rexistro Xeral, en Bertamiráns, e a Oficina de rexistro auxiliar do Milladoiro, de luns a venres en horario de 9.00 á 14.00h.
Outra opción é presentar as solicitudes polo Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/). Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.