Pestanas principais

O TSXG dálle a razón ao Concello fronte a unha reclamación presentada por unha empresa promotora do Milladoiro

Domingo, 06 de marzo de 2011

[06-03-2011] O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ditar, de xeito firme e definitivo, unha sentenza favorable ao Concello de Ames na que desestima o recurso de apelación interposto pola empresa Construcciones Vicente García Porto S.L. contra a primeira sentenza ditada o pasado 15 de decembro de 2008 polo Xulgado do Contencioso - Administrativo número 1 de Santiago, que tamén lle daba a razón ao goberno municipal ante unha reclamación que presentara no seu día esta empresa promotora reclamándolle ao Concello a cantidade de 1.838.244´60 euros en execución dun convenio urbanístico que o reclamante entendía incumprido. O devandito convenio de planeamento foi asinado no ano 1999, momento no que gobernaba o anterior alcalde, José Astray, de cara a unha concreta cualificación duns terreos na contorna da capela da Magdalena, na localidade do Milladoiro, o que supuña un aumento considerable da edificabilidade e, consecuentemente do valor do chan.

Na Xunta de Goberno local celebrada esta semana tomouse razón da sentenza ditada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre o recurso de apelación 4355/2009. Esta sentencia, recibida no Concello o día 21 de febreiro, desestima o recurso de apelación presentado empresa Construcciones Vicente García Porto S.L. contra a primeira sentenza ditada o pasado 15 de decembro de 2008 no procedemento ordinario número 97/2005 polo Xulgado do Contencioso - Administrativo número 1 de Santiago de Compostela. Contra esta segunda sentencia non cabe interpoñer recurso algún polo que está considerada como una sentenza en firme e definitiva.

A segunda sentencia, ditada o pasado 16 de decembro de 2010 pola sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, desestima o recurso de apelación interposto pola empresa Construcciones Vicente García Porto S.L. Esta sentenza dálle a razón ao Concello de Ames nunha reclamación que presentara no seu día este promotor reclamándolle ao Concello a cantidade de 1.838.244´60 euros en execución dun convenio que o reclamante entendía incumprido.

Os feitos remóntanse ao 12 de agosto de 1999, momento no que gobernaba o anterior alcalde de Ames, José Astray, no que a empresa Construcciones Vicente García Porto asinou co Concello de Ames un convenio de planeamento de cara a unha concreta cualificación duns terreos na contorna da capela da Magdalena, na localidade do Milladoiro, o que supuña un aumento considerable da edificabilidade e, consecuentemente do valor do chan. Concretamente o devandito convenio tiña como obxecto a determinación das obrigacións de ambas as dúas partes e a atribución dun aproveitamento urbanístico no solo urbano de uso residencial.

Posteriormente este convenio foi ratificado en Pleno o 28 de xuño de 2002. A entidade García Porto era propietaria dunha finca de 1.850 metros cadrados no polígono 12 situado no contorno da capela da Madalena, no Milladoiro, e outra de 4.660 metros cadrados nos polígonos 24 e 25 do mesmo sector urbanístico.

A aprobación do Plan Xeral de Ames supuxo un cambio na cualificación dos terreos citados. En concreto, e no que se refire ao polígono 12, supoñía a súa transformación de uso residencial colectivo en edificación aberta a espazos libres, mentres que en canto aos polígonos 24 e 25, pasou a súa cualificación de uso industrial e uso residencial colectivo en tipoloxía aberta a un uso residencial.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) aprobouse finalmente nas condicións pactadas para todo un ámbito de chan urbano non consolidado no que se incluían os terreos do citado promotor e outros que, con posterioridade á firma do convenio, foron finalmente adquiridos por este quen procedeu á súa construción conforme ao plan.

Incremento da edificabilidade

Na súa reclamación o promotor sostiña que o aumento de edificabilidade pactado no convenio debería de entenderse referido unicamente ás parcelas que eran da súa propiedade á data da firma e non á totalidade do ámbito, coa consecuencia de reclamar unha indemnización por ese exceso.

Polo tanto, o principal motivo que orixina o litixio é o cálculo da edificabilidade plasmada no convenio e a resultante da modificación do planeamento que no momento da sinatura do devandito convenio xa se iniciara. En concreto, o promotor reclamaba a perda de edificabilidade dos 18.350 metros cadrados de aproveitamento urbanístico que lle ofrecía o convenio subscrito e os 11.184 metros cadrados de edificabilidade sobre rasante de uso residencial que ten o edifico construído en dito solar que inicialmente era propiedade da empresa Construcciones Vicente García Porto S.L. A diferencia radica en 7.170 metros cadrados de edificabilidade que o promotor entendía que lle se debían en cumprimento do asinado no convenio

O xulgado do contencioso administrativo de Santiago de Compostela en primeira instancia, e agora a Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza en apelación, dánlle a razón ao Concello de Ames e conclúe que a interpretación que sostiña o reclamante é claramente interesada e traduciríase nun enriquecemento inxusto.

O alcalde de Ames, Carlos Fernández, amosouse moi satisfeito coa resolución deste litixio que foi provocado por unha reclamación que presentou unha empresa promotora do Milladoiro. "Sinto unha dobre alegría pola resolución favorable desta reclamación. A primeira razón é que triunfou a defensa dos intereses públicos municipais evitando que o Concello tivese que aboar a importante contía de case dous millóns de euros. A segunda é unha razón máis de carácter persoal. É importante que o Concello de Ames non fose condenado a pagar esa contía na actual etapa, na que estou eu como alcalde, xa que non tivemos nada que ver nese acordo adoptado no ano 1999. O goberno actual non tivo intervención algunha nese convenio, polo veriámonos inmersos na difícil situación de ter que pagar preto de dous millóns de euros nun momento especialmente difícil a nivel económico".

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames gana un juicio a una promotora de Milladoiro"
El Correo Gallego: "Ames se libra de pagar 1,8 millones a una promotora"