Pestanas principais

O TSXG dálle a razón ao Concello fronte os recursos presentados pola promotora inmobiliaria Mahía contra o plan de inspección do imposto de construcións, instalacións e obras

Domingo, 13 de marzo de 2011

[13-03-2011] O xulgado contencioso administrativo número 1 de Santiago de Compostela e a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia déronlle a razón ao Concello en cinco recursos presentados pola promotora inmobiliaria Mahía contra o acordo adoptado pola Xunta de Goberno local do 30 de decembro de 2009, no que se recollía a liquidación de varias actas de conformidade e desconformidade do plan de inspección do imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) realizado durante ese exercicio. Na actualidade están pendentes de resolver outros catro recursos presentados pola mesma empresa. Dende o Concello cren que a promotora debería desistir neste proceso, e se non o fai, pedirase a imposición de costas por manifesta temeridade, ao existir sentenzas firmes que avalan a postura municipal. Este proceso xudicial está motivado pola posta en marcha do plan de inspección sobre os tributos municipais. Deste proceso encárgase o departamento de Tesourería municipal, que traballa de xeito conxunto coa empresa adxudicataria do servizo de recadación, Gestión Tributaria Territorial.

O Concello de Ames, a través do departamento de Tesourería, está levando a cabo unha forte inspección de todos os impostos que se recadan ao longo do ano. Nese senso, está realizando un traballo especial cada ano co imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) e co imposto de actividades económicas (IAE), entre outros. Neste traballo tamén colabora a empresa adxudicataria do servizo de recadación, Gestión Tributaria Territorial. Para iso, a comezos de 2009 aprobouse e púxose en marcha un plan de inspección que redunda especialmente no control das liquidacións do ICIO e de todas as liquidacións provisionais deste imposto con efecto retroactivo.

O plan de inspección consiste en comprobar que o custo de execución material da obra é o que figuraba no presuposto inicial emitido pola empresa adxudicataria no momento de solicitar a licenza de obra. A contía do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, o custo de execución material dos traballos realizados. Este custo soamente se coñece ao finalizar a obra.

Despois de rematar o proceso de inspección sobre o ICIO correspondente ao exercicio 2009, na Xunta de Goberno Local celebrada o 30 de decembro de 2009, aprobouse a liquidación definitiva destas contías correspondentes ao ICIO e procedeuse a notificarlle este acordo ás empresas co fin de que fixeran o aboamento deste tributo no prazo estipulado.

Algunhas das empresas que tiñan que efectuar este pagamento mostraron o seu desacordo e acudiron ante a xustiza. Por esta vía optou a promotora inmobiliaria Mahía que interpuxo nove recursos contra o acordo adoptado pola Xunta de Goberno local do 30 de decembro de 2009, no que se recollía a liquidación de varias actas de conformidade e desconformidade do plan de inspección do ICIO.

Sentencias favorables

Ata o de agora os xulgados do contencioso administrativo de Santiago de Compostela e a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia déronlle a razón ao Concello de Ames en cinco recursos interpostos pola promotora inmobiliaria Mahía en relación con liquidacións polo imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO) viradas na fase de fin de obra e na que se detectou que o orzamento consignado nos correspondentes proxectos non respondía á realidade.

Esta promotora inmobiliaria interpuxo nove recursos contra outras moitas liquidacións cos mesmos fundamentos que lle foron rexeitados respecto dos cales entenden que debería de desistir, e que se non o fan pedirase a imposición de costas por manifesta temeridade, ao existir sentenzas firmes que avalan a postura municipal. Na actualidade están pendentes de resolver catro recursos.

O alcalde de Ames, Carlos Fernández, manifestou que "ata o de agora hai cinco recursos xa resoltos que nos dan a razón e outros catro que están aínda en trámite xurídico. De producirse sentencias que vaian na mesma liña que as anteriores, eu como alcalde encargueille encarecidamente aos servizos xurídicos que pidan a imposición de costas por manifesta e reiterada temeridade na interposición de recursos".

O rexedor municipal continua dicindo que "unha cousa é que todo o mundo teña dereito a defenderse e a velar polos seus propios intereses, e outra ben distinta é que se intenten obstruír as decisións da administración de forma inconsistente e reiterada. Creo que a condena a pagar as costas sería exemplar".

Concretamente as sentencias emitidas din que se desestiman os recursos presentados por unha promotora inmobiliaria contra o acordo adoptado pola Xunta de Goberno Local, en sesión extraordinaria celebrada o día 30 de decembro de 2009, pola que se aproba a liquidación con carácter definitivo de cinco actas de desconformidade, que ascenden a un total de 31.002,24 euros.

O goberno municipal decidiu inspeccionar as empresas promotoras que deixaban de tributar por parte das obras que facían, danando ao erario público e o interese cidadán. A diferencia de valoración do custo de execución material, das cinco obras motivo de litixio, defendido pola promotora inmobiliaria Mahía e o defendido polo Concello de Ames ascende a contía de 1.326.493 euros.

Seguimento das obras

En moitos casos as empresas adxudicatarias de licenzas de construcións elaboran un proxecto técnico que é unha primeira previsión dos gastos que carrexará a execución da devandita obra seguindo o proxecto elaborado. Pero posteriormente realízanse diversas modificacións ou melloras que levan consigo un aumento do presuposto. Debido a iso faise preciso facer un seguimento dos traballos executados para realizar a obra e comprobar que o orzamento inicial coincida co custo final das obras. De non ser o caso a compañía deberá aboar a parte proporcional desa diferenza que existe no presuposto en forma de imposto ao Concello.

Por conseguinte, no ICIO, a remuneración tería que situarse ao finalizar os traballos, cando estea rematada a obra en cuestión e cando se poida coñecer o custo real e efectivo deses traballos. É por iso que este imposto hai que pagalo en dous momentos, unha remuneración adiantada ou liquidación provisional, e unha final que vai unida á realización de melloras ou outro tipo de arranxos na obra que se levou a cabo anteriormente, que dá lugar á liquidación definitiva do imposto.

Datos inspección 2009

Dende a posta en marcha deste plan aprobáronse un total de 124 actas de conformidade que ascenden a un importe de 416.815,20 euros. Por outra banda asináronse 45 actas de desconformidade que suman unha contía de 685.414,54 euros. Tamén se asinaron 21 actas de comprobado e conforme. A través deste proceso realizado sobre empresas e promotoras ao longo de 2009 o Concello liquidou un total de euros 1.102.229,70 euros.

Por último o alcalde de Ames, Carlos Fernández, incidiu en que "o que se vén a demostrar en sede xudicial é que esta promotora inmobiliaria mentiu reiteradamente no valor que declaraba das súas obras co obxectivo e conseguir librarse de pagar o imposto de construcións, instalacións e obras que debe recadar o erario público para beneficio colectivo e para garantirlle ao Concello os ingresos que lle corresponden por tal concepto".

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames gana un litigio a Mahía por el pago del impuesto de construcciones"
El Correo Gallego: "El Concello de Ames le gana el pulso a Mahía en sus recursos por el Incio"