Pestanas principais

O Trouleando de maio promete velocidade e aventura cun descenso polo río Ulla

Luns, 09 de maio de 2022

A Concellaría de Mocidade propón neste mes de maio unha xornada de “hidrospeed” no río Ulla, unha actividade que consiste en descender por augas a bordo dunha táboa acuática flotante coa propulsión dunhas aletas. Será o próximo sábado 21 de maio, nas proximidades de Padrón, con dúas quendas de mañá e tarde dende Bertamiráns e o Milladoiro. As persoas interesadas poden inscribirse enviando esta ficha de inscrición cumprimentada ao enderezo electrónico omix@concellodeames.gal, entre o martes 10 e o venres 13 de maio. As prazas asignaranse por orde de chegada e están abertas á mocidade a partir dos 12 anos (nada no 2009).

O Trouleando viaxa en maio ata o río Ulla para gozar dunha xornada de velocidade e aventuras acuáticas. As persoas participantes poderán practicar unha actividade coñecida como “hidrospeed”, un deporte de augas bravas consistente en descender polo curso do río en contacto directo coa auga. Para isto empregarase un “hidro”, unha especie de zorra aerodinámica deseñada para navegar por este tipo de zonas, similar a unha táboa de “bodyboard”, pero de maior volume.

A actividade realizarase nunha zona previa á desembocadura do Ulla na ría de Arousa, preto de Herbón, en Padrón. Atravesarase un tramo cun bosque con carballos, freixos e salgueiros, no que se poderán ver as vellas pesqueiras, unhas construcións tradicionais de pedra empregadas polos pescadores da zona para a captura da lamprea.

Ao tratarse dunha actividade acuática, recoméndase levar traxe de baño, toalla e calzado que se poida mollar. O resto do material, como as aletas que se empregarán para dirixir o rumbo do descenso, a zorra de “hidrospeed”, os neoprenos e o equipamento de seguridade proporcionarase pola propia organización do evento.

Poderá participar nesta xornada a mocidade empadroada no concello de Ames a partir dos 12 anos (persoas nadas no 2009). Nesta ocasión, organizaranse dúas quendas, unha de mañá e outra de tarde, con servizo de autobús dende os dous núcleos principais do concello. Pola mañá, sairá dende o Pazo de Peregrina de Bertamiráns ás 10:00 horas, e volverá entre as 14:00 e as 14:30 horas. Despois, pola tarde, o servizo partirá da Casa da Cultura do Milladoiro ás 16:00 horas, e volverá de 20:00 a 20:30 horas.

Será preciso contar cun mínimo de 15 mozas e mozos para desenvolver a proposta. En caso contrario, o Concello de Ames poderá anular a actividade.

Para calquera dúbida, pódese contactar coa Oficina Municipal de Información Xuvenil, a OMIX, no correo electrónico omix@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Trouleando anima a baixar en hidrospeed o Ulla o 21"

O Trouleando de maio promete velocidade e aventura cun descenso polo río Ulla

Multimedia

  • O Trouleando de maio promete velocidade e aventura cun descenso polo río Ulla