As instalacións do Real Aeroclub de Santiago, situadas na parroquia de Piñeiro, acolleron ao longo da semana pasada a primeira edición do Trofeo de Tenis Concello de Ames. O torneo estivo dividido nas modalidades federada e open non competitivo. As categorías federadas dividíronse en benxamín, alevín, infantil, cadete, absoluto e veteranos + 35; mentres que o open estivo dirixido a nenos/as de 6 a 10 anos (mini-tenis, 3/4 pista e pista completa). En total inscribíronse 71 persoas federadas e 20 non federadas.
O primeiro Trofeo de Tenis Concello de Ames foi un éxito de participación. Houbo preto de 100 inscritos/as nas sete categorías. Unha destas categorías foi non competitiva e estivo dirixida aos nenos/as de iniciación. Todos os/as inscritos/as disputaron o torneo durante 5 días. Este domingo, 21 de abril, xogáronse as finais nas pistas cubertas que ten o Aeroclub na parroquia de Piñeiro.
Os gañadores/as do Trofeo foron María Sicre e Xullo López Carracedo nos individuais +35, femininos e masculinos. Os gañadores infantís, alevín e benxamín foron Darío Vila, Nicolás Belas e Anxo Tato respectivamente, mentres que o gañador absoluto masculino foi Iago Domínguez Álvarez.
O presidente do Club, Celso Barrios, quixo asistir á entrega de trofeos para agradecer que o Concello de Ames elixise o club como sede deste primeiro trofeo. Durante a entrega de trofeos, destacou o labor do Concello de Ames no seu apoio ao deporte reforzando o labor dos clubs na promoción do deporte de base. Sinalou tamén que é unha aposta clara do Concello por unha sociedade saudable física e social.
O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, e maila concelleira de Promoción Económica, Isabel González, asistiron este domingo a sede do Aeroclub para ver as finais do Trofeo. Dende o Concello agradeceuse a participación e a organización do club anfitrión, xa que esta foi a primeira das colaboracións previstas entre o Concello e o Club asentado en Ames desde 2014.





