[13-12-2016] O goberno municipal acaba de recibir a notificación de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou unha sentenza favorable ao Concello de Ames sobre a impugnación do Plan Parcial do S-15. Así, desestímase o recurso presentado sobre este plan parcial quedando este aprobado definitivamente. O litixio que se leva desenvolvendo varios anos dálle a razón ao Concello de Ames na porcentaxe de edificación e permitirá o desenvolvemento do S-15. Dita sentenza é susceptible dun recurso de casación por parte do demandante. Neste sector de urbanización do Milladoiro é onde se situará o futuro centro de saúde desta localidade, para o cal se asinou un convenio de cooperación co Servizo Galego de Saúde no mes de setembro.
O alcalde de Ames, José Miñones, alégrase desta resolución e anuncia que o Concello vai a dar o paso definitivo que lle falta para a aprobación do proxecto de urbanización de cara a trasladarllo á Consellería de Sanidade para poder obter a licenza de construción do centro de saúde. Miñones destaca que “independentemente da resolución deste proceso, o goberno xa garantira a obtención da parcela para o centro de saúde coa sinatura dun convenio con Montesgal SL, pero é unha satisfacción coñecer que o plan seguirá vixente e pode comezar a desenvolvelo”. Ademais, o rexedor municipal recorda “o compromiso adquirido pola Consellería, á que xa se lle fixo chegar esta sentenza. Estamos á espera da presentación do proxecto do centro de saúde antes de finais de ano como prometeron”.
Cómpre lembrar que en abril de 2013 un particular impugnou o plan parcial do S-15 aprobado, alegando que o plan recorrido era un refundido do aprobado no ano 2011, e que por tanto tiña os mesmos defectos que os alegados con relación a este. En segundo lugar, que o plan parcial fora aprobado con base nunha disposición transitoria da Lei 2/2010 que entendía que era inconstitucional. Tamén alegaba que había un exceso de edificabilidade dado que a norma legal que o permitía esixía para a súa aplicación a aprobación do proxecto de compensación antes do 20 de abril de 2013, e que este non entrara en vigor nesa data. Como último argumento sostiña que os coeficientes de ponderación de uso asignáronse incorrectamente.
A sentenza desestima estes argumentos alegando que en realidade estamos ante un novo plan parcial, como o demostra o que o recorrente, que impugnara o plan do 2011, se aquietara ante a decisión do Tribunal Superior de Xustiza nese preito de arquivalo por perda sobrevinda de obxecto, ao considerar que fora substituído polo plan do 2013. En canto á inconstitucionalidade da norma que autorizaba unhas edificabilidades superiores ás permitidas pola propia lei, o TSXG considera que non se aprecia que a norma fose contraria á constitución.
Con relación á cuestión do exceso de edificabilidade derivado da non entrada en vigor do proxecto de compensación no prazo fixado na lei, o TSXG indica que a cuestión da validez do proxecto de compensación xa foi resolta en sentido favorable á vixencia do proxecto de compensación por unha previa sentenza que estimou o recurso de apelación que se interpuxo contra a ditada polo Xulgado, co que non procede agora revisar tal pronunciamento. E, para concluír, desestima a cuestión dos coeficientes de homoxeneización de usos argumentando que ao demandante correspondía probar o desaxuste destes, e que non o fixo posto que para iso pretendíase basear nun informe do ano 2009, anterior á crise e feito con ocasión da impugnación doutro proxecto de compensación e ao que non pode darse agora validez por razón do tempo transcorrido.
Sinatura do convenio co SERGAS
Neste sector de urbanización do Milladoiro é onde se situará o futuro centro de saúde desta localidade, para o cal se asinou un convenio de cooperación co Servizo Galego de Saúde no mes de setembro. O goberno municipal leva mantendo conversas varios meses coa consellería de Sanidade co obxectivo de avanzar na tramitación da construción do novo centro de saúde do Milladoiro. Estas conversas materializáronse coa sinatura de dito convenio onde se recollen os compromisos a realizar por ambas administración. Hai que recordar que o pasado 26 de febreiro de 2009 o Concello de Ames cedeu de forma gratuíta en escritura pública ao Servizo Galego de Saúde, a parcela DP2 situada no sector de terreo urbanizable denominado S-15 “Travesía do Porto Sur”, cunha superficie de 5.002 metros destinado á construción dun centro de saúde.
Ademais, no pasado mes de agosto o goberno garantiu a obtención da mencionada parcela coa sinatura dun convenio de cesión entre o Concello de Ames e a empresa Montesgal S.L. Nel cédense ao consistorio tres parcelas situadas na Travesía do Porto, no Milladoiro, onde está previsto construír o novo centro de saúde. Na actualidade o goberno está á espera de que a Consellería de Sanidade lle presente o proxecto do centro de saúde.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El TSXG avala el plan urbanístico que permite el centro de salud de Ames"
El Correo Gallego: "O TSXG avalou o plan para o novo centro de saúde do Milladoiro"




