[22-01-2016] Se recentemente foi o servizo municipal de comedores escolares o que chamou a atención da televisión, hoxe a RTVG achegouse ao concello de Ames para coñecer mellor o servizo de transporte adaptado.
A televisión pública chegou á Casa da Cultura de Bertamiráns para coñecer as dúas encargadas de levar dun punto ao outro aos usuarios do microbús adaptado posto en marcha polo Concello. No programa, que será emitido na canle principal da RTVG e subido á páxina web da televisión pública, o público poderá seguir o percorrido do microbús.
Os espectadores viaxarán a bordo do microbús conducido dende fai poucos días por Chelo Gómez, que se incorporou ao servizo a semana pasada tras mudar a empresa adxudicataria polo remate do contrato. Como cada día a auxiliar de transporte, Noelia Silva, acompañou a Chelo e aos novos pasaxeiros na ruta. Ambas axudan, día a día, aos homes e mulleres que fan uso deste transporte.
Tras recibir o horario e as rutas das mans do coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames, Rubén Ramos, Chelo, Noelia, un cámara e unha das presentadores da RTVG puxéronse en marcha a primeira hora da mañá para recoller á primeira pasaxeira, cuxo destino é o municipio de Negreira.
O servizo de transporte adaptado municipal foi concibido como un transporte para aquelas persoas con problemas de mobilidade, en situación de dependencia ou persoas maiores que, por motivos xeográficos e sociais, non sexan quen de empregar o transporte público urbano. Os destinos do microbús son moi variados: dende centros de saúde ou o hospital da veciña Santiago de Compostela até perruquerías, bancos ou as Casas da Cultura situadas en territorio amesán.




