Pestanas principais

O tractor municipal está realizando a segunda quenda de limpeza e desbroce nas beiras das pistas do concello

Luns, 11 de agosto de 2014

[11-08-2014] Durante os meses de verán o Concello de Ames redobra esforzos e intensifica os traballos de limpeza e desbroce nas beiras das pistas forestais e das estradas asfaltadas do municipio. O tractor municipal, que leva funcionando a dobre quenda dende o día 1 de abril, xa comezou coa segunda volta de traballos de desbroce nas pistas do concello. O tractor municipal traballará ata o mes de outubro en dobre quenda, de mañá e tarde, tendo en conta as necesidades que presenta cada parroquia. Ademais, o goberno municipal está traballando para contar cun novo tractor. Proximamente irá á Xunta de Goberno Local a adxudicación da contratación dun novo tractor agrícola con desbrozadora lateral e pala cargadora dianteira.


O Concello de Ames dispón dun tractor municipal, que actualmente está traballando a dobre queda (mañá e tarde) para limpar as beiras e cunetas das pistas asfaltadas de todas as parroquias amienses. O tractor municipal, que está dotado dun brazo-desbrozadora, traballa durante 7 meses (entre abril e outubro) en dobre quenda, de mañá e tarde, tendo en conta as necesidades que presenta cada parroquia.

Durante as dúas últimas semanas estiveron limpando as cunetas das estradas de todas as aldeas da parroquia de Agrón, mentres que durante esta e a próxima semana o tractor municipal realizará estes mesmos traballos pero nas aldeas da parroquia de Bugallido. As labores realizadas durante esta campaña son imprescindibles, xa que a súa intención é a conservación de camiños e vías rurais, a prevención de incendios e a protección da salubridade pública.

A previsión para as seguintes semanas é continuar nas pistas da Ameixenda e na parroquia de Biduído, entre outras zonas do municipio, e nos meses de setembro e outubro seguiranse acometendo traballos de limpeza e desbroce en pistas, estradas e camiños asfaltados, tanto principais coma secundarias, de tódalas parroquias do concello. Durante os meses de inverno, o tractor municipal dotado dun brazo-desbrozadora realiza outros traballos de mantemento que se centran en desbrozar as cunetas das pistas de monte.

Cómpre destacar que o tractor municipal xa está executando a segunda volta de traballos de limpeza e desbroce nas beiras das pistas asfaltadas das parroquias de Ames. Previamente a estes traballos, estivo limpando e desbrozando as pistas forestais co obxectivo de evitar o risco de incendios durante a temporada estival.

Contratación dun novo tractor
Este tractor xa ten preto de 20 anos e conta cun gran uso xa que durante unha bo parte do ano traballa a dobre quenda. Debido a iso o goberno municipal está traballando para contar cun novo tractor. Proximamente irá á Xunta de Goberno Local a adxudicación da contratación dun novo tractor agrícola con desbrozadora lateral e pala cargadora dianteira.

O orzamento estimado do presente contrato é de 80.991,74 euros, máis o IVE correspondente que é de 17.008,26 euros, o que fai un importe total de 98.000 euros. Para sufragar esta adquisición o Concello de Ames asinou un convenio de colaboración coa Deputación Provincial da Coruña. A entidade provincial achegará 78.400 euros, o que supón o 80% do custo total da compra do devandito tractor, mentres que o Concello de Ames porá os 19.600 euros restantes.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello amiense inicia la segunda fase de la limpieza y desbroce de cunetas y pistas"