[03-04-2014] O Concello de Ames redobra esforzos e intensifica os traballos de limpeza e desbroce nas beiras das pistas forestais e das estradas asfaltadas do municipio. Estes traballos realízanse co tractor municipal, que está funcionando a dobre quenda dende o día 1 de abril. O tractor municipal, dotado dun brazo-desbrozadora, traballará durante 7 meses (entre abril e outubro) en dobre quenda, de mañá e tarde, tendo en conta as necesidades que presenta cada parroquia. Na actualidade estanse limpando e desbrozando as pistas forestais co obxectivo de evitar o risco de incendios durante a temporada estival. Pola mañá, o tractor municipal está traballando no lugar de Ventosa, mentres que pola tarde está no lugar de Framán.
A Concellaría de Vías e Obras, como vén facendo todos os anos, puxo en marcha un plan de limpeza e desbroce das pistas forestais e das estradas asfaltadas das diferentes parroquias do termo municipal de Ames. Coa chegada da primavera é preciso rozar tanto as pistas forestais, para evitar o risco de incendios durante o verán, coma as pistas asfaltadas para facilitar o tránsito peonil e de vehículos por estas vías de comunicación.
Deste xeito, dende o día 1 de abril o tractor municipal comezou a traballar en dobre queda (mañá e tarde). Para iso, contratouse a un operario por un período de 7 meses (abril-outubro) que realizará os traballos de limpeza e desbroce na quenda da tarde. O Concello de Ames conta cun operario que traballa co tractor municipal durante todo o ano, pero durante esta época do ano refórzase este servizo coa contratación de outra persoa.
Na actualidade, os traballos de limpeza e desbroce estanse realizando nas beiras das pistas forestais. Pola mañá o tractor está traballando no lugar de Ventosa, pertencente á parroquia de Covas, mentres que pola tarde os traballos de limpeza e desbroce estanse desenvolvendo no lugar de Framán, situado na parroquia de Bugallido. As labores realizadas durante esta campaña son imprescindibles, xa que a súa intención é a conservación de camiños e vías rurais, a prevención de incendios e a protección da salubridade pública.
A previsión para as seguintes xornadas é continuar en Covas e na parroquia de Bugallido, entre outras zonas do municipio, e nas próximas semanas seguiranse acometendo traballos de limpeza e desbroce en pistas, estradas e camiños asfaltados, tanto principais coma secundarias, de tódalas parroquias do concello. Durante os meses de inverno, o tractor municipal dotado dun brazo-desbrozadora realiza outros traballos de mantemento que se centran en desbrozar as cunetas das pistas de monte.




