[05-02-2011] Con 60 novas licenzas de apertura durante o 2010 o concello de Ames mantén o tipo no que a vitalidade empresarial se refire en plena crise, xa que son máis os establecementos que abren que os que pechan, investindo así a tendencia xeral que se dá noutras cidades. O concello conta dende o 2010 con 30 novos establecementos hostaleiros e o 40% das novas aperturas correspóndese con locais adicados á alimentación e ao pequeno comercio. Semella, pois, que as iniciativas levadas a cabo pola concellaría de Promoción Económica e polo Concello -que inviste máis de 100.000 euros anuais en promocionar o noso comercio- xurdiron efecto na defensa e mellora das súas condicións dos comerciantes amesás.
Mentres a crise fai estragos na maior parte das vilas e cidades galegas obrigando a pechar negocios aos máis prexudicados, Ames convértese no concello que máis medra no que se refire á apertura de novos comercios e establecementos na comarca compostelá, mostrándose extraordinariamente dinámico na apertura de novos negocios e ofrecendo cada ano que pasa unha maior variedade, así como unha renovada calidade dos mesmos lograda polo impulso de programas de promoción do comercio como o desenvolvido nestes meses pasados, o coñecido concurso de escaparates de Nadal. Un exemplo dos moitos incentivos que, promovidos dende a concellaría de Promoción Económica, estanse a levar cabo dende o goberno local para lograr que Ames poida competir en igualdade de condicións en materia de comercio con Santiago e converterse no centro máis dinámico das actividades comerciais da comarca compostelá.
E é que durante 2010 o concello outorgou 60 novas licenzas de apertura, das cales, o 40% permitiu a apertura de diversos locais destinados á venda de alimentos é ao pequeno comercio. Destas 60 licenzas, 26 corresponden a Bertamiráns, 21 ao Milladoiro e 13 ao polígono industrial do Novo Milladoiro e á zona rural, co que se confirma unha certa igualdade no que a dinamismo comercial se refire entre Milladoiro e Bertamiráns ao tempo que toma maior importancia o polígono industrial do Novo Milladoiro, que ano a ano vaise consolidando como un centro de vital importancia para este sector no concello.
Apertura por sectores
Segundo os datos estadísticos recollidos polo concello, son moitos e moi variados os locais aos que se lle concedeu licenza de apertura. Se intentamos agrupalos por sectores, podemos dicir que se outorgaron 14 permisos para locais adicados á venda ou reparación de roupa e calzado -destes, 9 foron para comercios de roupa, calzados e complementos; 2 para tendas especializadas na roupa infantil; outros 2 para locais adicados ao arranxo de roupa; e 1 para unha mercería-, 6 para locais de almacenaxe ou centros de distribución, 5 para tendas de mobles e elementos de descanso (colchóns, butacas de masaxe, etc) e decoración para o fogar; 3 para locais de venda e reparación de produtos electrónicos -unha tenda de móbiles, unha oficina de arranxo e mantemento de teléfonos e outra tenda de electrónicos (TVs, DVDs, etc)-; 4 para empresas destinadas a dar servizo a outras empresas; 3 para a hostalaría; 4 para empresas que prestan servizos de informática e asesoramento en comunicación e publicidade; 1 para unha empresa de construción e 12 para empresas de servizos entre as que se inclúen: un centro de día, dous salóns de beleza e un de masaxes, unha academia de idiomas, un centro de formación e unha academia de pintura; unha axencia de viaxes, unha empresa para o control de pragas, unha para a compravenda de vehículos, unha oficina de seguros, unha de asesoramento e desenvolvemento de tarefas administrativas e, finalmente, un despacho de charlas teolóxicas.
Outras das novas empresas que se abriron en 2010 son unha nova froitería, unha óptica-taller, un despacho de mensaxería, unha oficina para actividades de arqueoloxía, un quiosco, unha libraría e unha tenda de materiais de aluminio -peches de portas e ventás, etc-.
Locais destacables
Entre os novos locais cómpre destacar a apertura dun centro de día en Bertamiráns que aumentou a oferta aos cidadáns en materia de servizos sociais e permitiralles aos maiores ocupar o día fóra da casa e estar ao mesmo tempo ben atendidos.
Outros locais destacan pola súa "curiosidade", como é o caso da empresa especializada no control de pragas ou o despacho destinado á celebración de charlas teolóxicas.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames cuenta con 60 nuevas empresas dedicadas al sector hotelero y pequeño comercio"
El Correo Gallego: "Ames concedió 60 nuevas licencias a empresas en el peor año de la crisis"




