Pestanas principais

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acollerá a gala de entrega de premios do proxecto Enreguéifate

Mércores, 02 de outubro de 2019

O proxecto Enreguéifate, promovido polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, chega ao remate dunha nova edición coa celebración da gala de entrega de premios que terá lugar o venres, 11 de outubro, no Teatro Principal de Santiago de Compostela a partir das 20:00 horas. Séchu Sende, Olalla Liñares, Manolo Maseda e Lupe Blanco conducirán unha gala para a que xa se poden reservar as invitacións, ata completar aforo, enviando un correo a info@enregueifate.gal.

O proxecto Enreguéifate busca difundir a improvisación oral en verso e en galego e, como en edicións anteriores, establecéronse dúas categorías: unha xeral, na que pode participar calquera persoa; e unha escolar, dirixida ao alumnado de ensino non universitario, que representou ao seu centro educativo. En total foron máis de 50 as propostas presentadas nas dúas categorías. Na gala entregaranse os premios as mellores regueifas en seis categorías: a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada e a mellor falada. Na web do Enreguéifate podes atopar as regueifas gañadoras nas diferentes categorías do certame, así como todos os vídeos que participaron.

Para formar e animar ao alumnado a participar neste proxecto, impartíronse varios obradoiros formativos en varios centros de ensino de Ames: nos institutos do Milladoiro e de Bertamiráns e no CEIP da Maía. Nestas actividades participaron 150 alumnos/as de 2º da ESO do IES de Bertamiráns; 100 rapaces e rapazas de 1º da ESO do IES do Milladoiro; e 50 nenos e nenas de 3º de primaria do CEIP da Maía. Mediante esta iniciativa preténdese incentivar o uso oral da lingua galega e outorgarlle á mocidade ferramentas discursivas a través da improvisación oral, ao tempo que se pon en valor a lingua e se proporcionan recursos musicais e soporte para o desenvolvemento da regueifa.

Enreguéifate