Pestanas principais

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle hoxe a gala de entrega de premios do proxecto Enreguéifate

Venres, 11 de outubro de 2019

O certame Enreguéifate entrega os premios da edición 2019 hoxe venres 11 de outubro, ás 20.00 horas, no Teatro Principal de Santiago, nun acto cheo de música e humor en verso. O acto estará conducido por catro (re)coñecid@s regueifeir@s: Sechu Sende, Olalla Liñares, Manolo Maseda e Lupe Blanco e contará tamén coa actuación musical de García MC. A entrada é aberta e de balde ata completar a capacidade da sala. O proxecto Enreguéifate está promovido polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo.

Enreguéifate é un proxecto que promoven os concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, co que se procura impulsar a práctica da regueifa como forma de improvisación oral en verso, e a través dela o uso da lingua galega. Asemade, este certame súmase á rede de revitalización que desde hai anos se está producindo no ámbito escolar e asociativo, nomeadamente á Regueifesta, ás propostas de inclusión nos espazos educativos que encabezan os centros de Baio e Vila de Cruces e á asociación ORAL.

Inclúe formación e recursos para centros de ensino, un certame de regueifa e diversas accións de difusión entre as que mañá terá lugar unha mostra regueifeira no acto de entrega dos premios.

Á convocatoria do certame 2019 concorreron 52 pezas de vídeo-regueifa, 42 na categoría escolar e 10 na categoría xeral, procedentes de varias localidades galegas (Ames, Arzúa, Baio, Baiona, Burela, Cabana de Bergantiños, Carballo, Compostela, Cuntis, Lugo, Marín, Muros, Ordes, Pontecesures, Pontevedra, Teo, Trives, Vilasantar, Xove e Vigo) e con regueifeiros e regueifeiras de todas as idades a partir dos 5 anos do grupo máis cativo. Poden verse todas as regueifas participantes no web do programa.

O xurado do certame, no que participaron os servizos de normalización lingüística dos tres concellos convocantes e, como especialistas, Lupe Blanco, Manolo Maseda e Xiana Lastra, outorgou, de acordo coas bases do certame, os seguintes premios:

Categoría xeral:
Regueifa máis brava: As Pataqueiras con “Berghatiños vs. Vigo”
Regueifa máis aguda: SondeTeo con “A regueifa electoral”
Regueifa máis diversa: Os conxugadores con “O son de Conxo”
Regueifa máis reivindicativa: Asociación Cultural A Mámoa con “Fóra Toysal”
Regueifa mellor falada: As Grileiras
Regueifa mellor cantada: Dinamo da Costa con “Regueifa da Costa”

Categoría escolar:
Regueifa máis brava: As Bravas de Borneiro
Regueifa máis aguda: Uxía e Itahisa con “Mamá, non quero estudar!”
Regueifa máis diversa: DoMella regueifeir@s con “Regueifa certa de Lavadores”
Regueifa máis reivindicativa: CEIP Labarta Pose con “Protexamos o rural”
Regueifa mellor falada: Patakas Bravas con “Tenzón”
Regueifa mellor cantada: O recuncho de Tambo con “Regueifando en Marín”

Hoxe, no Teatro Principal, @s premiad@s recibirán os seus agasallos simbólicos: un diploma para lembrar o galardón, unha planta enredadeira para animal@s se continuar creando redes coa palabra improvisada e unha regueifa (rosca), da man das tres concelleiras responsables: Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames, María López Álvarez, concelleira de Lingua e Mocidade de Teo, e Noa Díaz Varela, concelleira de Políticas Lingüísticas, Educación, Mocidade e Igualdade de Santiago.

O acto estará conducido por catro (re)coñecid@s regueifeir@s: Sechu Sende, Olalla Liñares, Manolo Maseda e Lupe Blanco e contará tamén coa actuación musical de García MC. A entrada é aberta e de balde ata completar a capacidade da sala.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Enreguéifate premió a alumnos de centros de Baio"

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolle hoxe a gala de entrega de premios do proxecto Enreguéifate