[04-09-2018] Este luns, 3 de setembro, comezou unha nova edición do programa Setembro Lúdico, co que o Concello de Ames procura axudar ás familias a compatibilizar a vida laboral e familiar ofrecendo actividades matinais ás crianzas do segundo ciclo de infantil e de educación primaria. O programa, no que están inscritos 150 nenos e nenas, conta con servizo de Bos días e comedor.
O Setembro Lúdico 2018 conta coa participación dun total de 150 rapaces e rapazas, dos que 78 acoden ao Milladoiro e 72 a Bertamiráns. Durante os días 3, 4, 5, 6, 7, 10 e 11 de setembro, dende o remate da Escola de Verán ata o comezo do curso escolar, os nenos/as inscritos realizaran unha gran variedade de actividades e xogos en horario de 9.00 a 14.00 horas, excepto aqueles para os que se lle solicitou o servizo Bos Días, que comezará ás 7.30 horas, ou o servizo de comedor, que rematará as 16.00 horas.
Este programa de conciliación, que este ano ten como lema “A caixa de bicos”, xirará en torno ao amor e a amizade. Así, durante varios días, os nenos e nenas tratarán de describir e identificar as súas emocións e dar sentido aos seus propios sentimentos, apoiándose na lectura de “Apertas de vainilla” de Fina Casalderey. Asemade, outros dos eixos que se traballarán serán o concepto de amizade, a afondamento no significado do bico, a través de diversas obras de arte, e a concienciación contra a violencia e os prexuízos a través do vídeo “O amor non ten etiquetas”.
Ademais das actividades temáticas, ao longo destes primeiros días de setembro, os rapaces e rapazas tamén levarán a cabo dinámicas de relaxación, xogos de lóxica en grupo que lles facilitarán a toma de decisións de maneira crítica, así como xogos de auga ou actividades de cooperación, todo elo dende unha perspectiva coeducativa de xénero e igualdade. Tamén ocuparán un lugar importante actividades como o batedor de linguas, dinámicas de oratoria e animación á lectura.
O batedor de linguas
Mediante xogos, cancións e contos, os nenos e nenas divertiranse mantendo o contacto con outros idiomas e culturas do territorio español e estranxeiro dunha forma natural e espontánea. Deste xeito, quérese concienciar da importancia das linguas, non soamente como instrumento de comunicación, senón como elemento de construción da propia identidade e da cultura a que se pertence, ao tempo que se defende a lingua propia e as linguas próximas
Dinámicas de oratoria
Ao longo da vida das persoas, a comunicación convértese nun dos aspectos máis importantes, pero as veces, tamén nun dos máis desatendidos. Para evitalo, a través de dinámicas e xogos lúdicos, os monitores traballarán a oralidade e dotarán aos nenos e nenas de ferramentas e recursos que lles permitan mellorar a súa capacidade de oratoria e linguaxe, así como a expoñer os seus pensamentos e reflexións de forma creativa, clara e ordenada.
Animación á lectura
Outro dos obxectivos principais desta edición do Setembro Lúdico será aproximar aos nenos e nenas o gozo pola lectura. Con este fin, non só se levaran a cabo lecturas ligadas á temática proposta, senón que tamén se creará espazo para as suxestións persoais dos rapaces e rapazas que traian as súas lecturas da casa e queiran compartir cos compañeiros e compañeiras do programa. Así, mediante os libros, os usuarios/as deste programa coñecerán diferentes realidades e ampliarán os seus valores ao tempo que traballan a súa concentración e a capacidade de atención.




