Pestanas principais

O Setembro Lúdico comeza hoxe cun programa centrado na historia dos pobos viquingos

Venres, 01 de setembro de 2017

[01-09-2017] Este venres, 1 de setembro, comeza o Setembro Lúdico. Un dos programas de conciliación do Concello de Ames, que procura axudar ás familias a compatibilizar a vida laboral e familiar, ofrecendo actividades matinais ás crianzas do segundo ciclo de infantil e de educación primaria. O Setembro Lúdico, que remata o vindeiro día 8, conta con servizo de Bos días e de comedor.

A historia dos pobos viquingos será o eixo temático deste Setembro Lúdico de 2017. Así, as nenas e nenos participantes coñecerán as súas formas de vida, tradicións e costumes dunha maneira entretida e sinxela. Ademais, tamén se abordarán falsos mitos e lendas. De igual maneira, outros dos eixos que se traballarán ao longo destes primeiros días de setembro serán a resolución positiva de conflitos, a toma de decisións e o fomento de valores a prol da igualdade de xénero. Nesta edición do Setembro Lúdico participan un centenar de nenas e nenos: 55 no Milladoiro e 45 en Bertamiráns.

Coñecendo aos viquingos
Ulme, o poeta dos viquingos, será o encargado de guiar ás nenas e nenos a través da historia dos pobos viquingos, con actividades como a ópera na “Cabalgata das Valquirias” de Richard Wagner ou a introdución de seres mitolóxicos, que potencien a imaxinación, a creatividade e a expresión libre das máis pequenas e pequenos.

O coñecemento sobre estes pobos complementarase con materiais audiovisuais e de lectura, que incluirán obras como “Lyle, o viquingo amable”, “Asterix e os viquingos”, “Manual do bo viquingo” ou “Kika Superbruxa e os Viquingos”. Deste xeito, as nenas e nenos poderán extraer diferentes coñecementos sobre o día a día destes invasores, eliminado ao tempo, falsos mitos; aprendendo, así, a importancia de eliminar estereotipos e prexuízos sociais que non sempre se corresponden coa realidade.

A toma de decisións e a resolución positiva de conflitos
Os pobos viquingos baseábanse na familia e no clan e contaban cun forte sistema de participación comunitaria. A partir deles, as nenas e nenos poderán traballar técnicas de toma de decisións e de resolución de conflitos, de maneira que aprendan a resolvelos dun xeito autónomo e non violento. Para isto, promoverase, entre outras actividades, o relato de historias, o que axudará ás rapazas e rapaces a distanciarse dos conflitos e a discutir as súas condutas. 

O fomento da igualdade de xénero
A sociedade viquinga, como a actual, tiña en moitos dos caos roles e actividades diferenciadas segundo os xéneros. A partir desta premisa, as nenas e nenos poderán abordar aspectos como a falta de consideración do traballo doméstico, que impide ás mulleres poder adicar tempo ao seu propio ocio e cuidado, así como os cambios que se produciron e os que queren que ocorran no futuro a prol da igualdade de xénero.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Setembro Lúdico en Ames"
Ames Go: "Comeza un novo Setembro Lúdico"